Nova: Voadora reestrea Calypso no Salón Teatro antes de iniciar unha xira por cinco cidades de toda España

03/05/2016

Voadora reestrea Calypso no Salón Teatro antes de iniciar unha xira por cinco cidades de toda España

A compañía compostelá ofrecerá unha función para escolas de teatro mañá, ás 11.30 h, e catro para público xeral o xoves, venres e sábado, ás 20.30 h, e o domingo, ás 18.00 h

Este espectáculo subvencionado pola Agadic, que supón o regreso de Voadora á creación contemporánea cun texto do premiado dramaturgo ourensán Fernando Epelde, foi seleccionado entre máis de 450 proxectos para se representar na Red Nacional de Teatros Alternativos
 

  • A compañía compostelá Voadora ocupa esta semana o escenario do Salón Teatro de Santiago para a reestrea do seu espectáculo ‘Calypso’ A compañía compostelá Voadora ocupa esta semana o escenario do Salón Teatro de Santiago para a reestrea do seu espectáculo ‘Calypso’
  • A compañía compostelá Voadora ocupa esta semana o escenario do Salón Teatro de Santiago para a reestrea do seu espectáculo ‘Calypso’ A compañía compostelá Voadora ocupa esta semana o escenario do Salón Teatro de Santiago para a reestrea do seu espectáculo ‘Calypso’
  • A compañía compostelá Voadora ocupa esta semana o escenario do Salón Teatro de Santiago para a reestrea do seu espectáculo ‘Calypso’ A compañía compostelá Voadora ocupa esta semana o escenario do Salón Teatro de Santiago para a reestrea do seu espectáculo ‘Calypso’

Santiago, 3 de maio de 2016.- A compañía compostelá Voadora ocupa esta semana o escenario do Salón Teatro de Santiago para a reestrea do seu espectáculo ‘Calypso’, co que en xuño iniciará unha xira estatal durante a que se representará en Valencia, Santa Cruz de Tenerife, Bilbao, Sevilla e Madrid. A formación de Marta Pazos, Jose Díaz e Hugo Torres permanecerá na sede do Centro Dramático Galego (CDG) desde mañá e ata o domingo para ofrecer unha función matinal concertada con centros de ensino teatral (mércores 4, 11.30 h) e catro para público xeral (xoves 5, venres 6 e sábado 7, ás 20.30 h, e domingo 8, ás 18.00).

Os tres integrantes de Voadora estiveron acompañados hoxe pola directora do CDG, Fefa Noia, para presentarlles aos medios a súa nova proposta, coa que regresan á creación contemporánea tras o éxito da súa versión de ‘A tempestade’ de Shakespeare, e en pleno proceso de produción doutra adaptación do gran clásico británico: ‘Soño dunha noite de verán’.

‘Calypso’, para o que Voadora contou co apoio da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) a través da convocatoria de subvencións á produción escénica de 2015, achega por vez primeira ao Salón Teatro un texto de Fernando Epelde. O premiado dramaturgo ourensán é tamén o autor de ‘O mundo persistente’, segunda montaxe do ‘Proxecto NÓS Territorio (es)Cénico Portugal Galicia’, rede de intercambio teatral co país veciño na que participan o Centro Dramático Galego, a Escola Superior de Arte Dramática (ESAD) xunto con outros centros formativos lusos, e que se estreará en Santiago o vindeiro 1 de xuño.

A fin dun sistema
En ‘Calypso’, Voadora pon en escena a fin dun sistema, das relacións tal e como as entendiamos ata o momento, da intimidade ou da arte, fronte á perspectiva dun abismo descoñecido ao que a sociedade se asoma con curiosidade. Marta Pazos dirixe esta proposta, que ela mesma interpreta xunto a Jose Díaz e Hugo Torres para dar vida a R, G e B. Ademais das cores que conforman o espectro da nosa realidade, os personaxes protagonistas son aquí tres obreiros encargados de fabricar as contornas do noso mundo antes de que que nos ergamos para velo cada mañá.

A compañía compostelá conta para ‘Calypso’ cun equipo artístico entre o que se atopan moitos dos seus colaboradores habituais: Rui Montero na iluminación, José Capela na escenografía, Fany Bello no vestiario e maquillaxe, César Lombera no deseño das máscaras, Gisela Matos na asistencia de dirección e Diego Anido no apoio á creación, entre outras achegas.

Nova selección no circuíto de teatros alternativos
Con este espectáculo, que se presentou por vez primeira en público o pasado mes de novembro dentro do mercado Galicia Escena PRO, Voadora repite ademais como unha das compañías seleccionadas pola Red Nacional de Teatros Alternativos. Nesta ocasión, a súa montaxe foi elixida para actuar neste circuíto entre máis de 450 proxectos de toda España. Así, e tras a súa participación o vindeiro mes de xuño no Festival Tercera Setmana de Valencia, ‘Calypso’ regresará á cidade levantina en setembro para continuar desenvolvendo a súa xira estatal ata finais de ano con actuacións en Santa Cruz de Tenerife, Bilbao, Sevilla e Madrid.

As entradas para asistir as catro funcións xerais do novo espectáculo de Voadora en Santiago están xa á venda a través da billeteira electrónica entradas.abanca.com e tamén se poderán mercar no despacho de billetes do Salón Teatro a partir do xoves desde dúas horas antes do comezo das representacións. O prezo é de 10 euros de xoves a sábado (cos descontos habituais) e de 5 euros o domingo, Día do Espectador.
 

Comparte