Nova: Novos cabaleiros e damas da Orde do Camiño de Santiago

19/07/2014

Novos cabaleiros e damas da Orde do Camiño de Santiago

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria súmase a esta Orde, tal e como o fixeron con anterioridade Feijóo, Rajoy e Michael Douglas, entre outros

 

  • Sinalización do Caniño de Santiago

Santiago, 19 de xullo de 2014.- O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, foi investido hoxe cabaleiro da Orde do Camiño de Santiago, nun acto que tivo lugar no Hostal dos Reis Católicos. Vázquez Abad fixo un recoñecemento á traxectoria das persoas que impulsan un labor tan interesante en prol do camiño como a Orde, e dixo estar “identificado plenamente co sentido trascendental da peregrinación xacobea” e satisfeito por compartir xunto a outros prestixiosos Cabaleiros e Damas “ese sentimento común que leva a percibir o acto de camiñar como un símbolo colectivo do ser humano”.

O centro da capital galega converteuse neste ‘XVIII Capitulo Xeral da Orde’ nunha festa repleta de uniformes na que os participantes, unha vez se oficializaron as investiduras, desfilaron coa indumentaria típica (capa e sombreiro) ata a Capela Real para escoitar un concerto en homenaxe aos novos membros. A programación continuou cunha peregrinación cara o monumento de San Francisco de Asís para realizar unha ofrenda floral con motivo dos 800 anos da peregrinación a Santiago.

Para poder recibir esta condecoración, os novos Cabaleiros e Damas asumiron o compromiso de seguir as directrices impostas pola Orde: realizar a pe un traxecto dalgún dos distintos Camiños de Santiago, plantar unha árbore no Bosque dos Peregrinos de Melide, acudir a gañar o Xubileo en Ano Santo sempre que sexa posible e promocionar o Camiño de Santiago.

Ofrenda conmemorativa do VIII Centenario da Peregrinación de San Francisco a Santiago
A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, foi nomeada Dama da Orde do Camiño o ano pasado e participou este ano nos actos que conforman o XVIII Capítulo. No acto de recepción, a directora de Turismo de Galicia destacou que no que vai de ano máis de 100 mil peregrinos percorreron xa algunha das rutas xacobeas e que o Camiño de Santiago é o eixe vertebrador da oferta turística galega e conforma un modelo demostrador internacional. Ao tempo, incidiu na potencialidade do Camiño como elemento catalizador do desenvolvemento turístico, social e económico dos territorios que atravesa.

Nava Castro lembrou a obriga da xeración actual de afondar na investigación e estudo do Camiño, así como na súa promoción e difusión, conservación e desenvolvemento sostible para a transmisión do legado xacobeo ás futuras xeracións. “É función de todos os que o vivimos ser capaces de comunicar a verdadeira esencia do Camiño e de preservar o seu sentido auténtico e o seu patrimonio material e inmaterial”, dixo.
 

A Orde do Camiño
As Ordes foron fundadas a mediados do século XI co desexo de protexer e axudar aos peregrinos que acudían a Xerusalén ou a Santiago. Os seus membros eran cabaleiros pertencentes á nobreza cuxo oficio era protexer aos peregrinos e combater aos infieis.

A Orde de Santiago nace en 1170 para defender a fronteira musulmá-leonesa. Dela, dependían as hospederías-hospitais para peregrinos das que de destacan o de San Marcos de León e o dos Reis Católicos, onde aínda hoxe os dez primeiros peregrinos da temporada en chegar teñen alimento de balde.

Entre os integrantes da Orde atópanse numerosos cabaleiros ilustres de diferentes ámbitos sociais como é o caso do presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo; ou o presidente de España, Mariano Rajoy. Pola súa parte, tamén figuran o ministro xeral da Orde dos Franciscanos, José Rodríguez Carballo; o bispo de Dundo en Angola, José Manuel Imbamba; o exalcalde de Nueva York, Michael Bloomberg; e o actor norteamericano Michael Douglas, entre outros.

 

Comparte