Nova: As obras do Plan de mantemento da muralla de Lugo axustaranse para garantir o respecto aos cirrios e ao seu período de nidificación
09/05/2016
As obras do Plan de mantemento da muralla de Lugo axustaranse para garantir o respecto aos cirrios e ao seu período de nidificación
Cultura coa Consellería de Medio Ambiente acordaron as medidas necesarias para evitar calquera molestia a estas aves que habitan no monumento e que son inofensivos para a súa conservación
En calquera caso, e tomando as precaucións necesarias, continuaranse as obras de restauración do cubo VI
Santiago, 9 de maio de 2016.- A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria axustará as obras do Plan de Mantemento da muralla de Lugo para garantir o respecto ao período de nidificación dos cirrios, aves que habitan neste monumento Patrimonio da Humanidade e que son inofensivos para a súa conservación. A decisión tomouse dando resposta ás solicitudes de varios colectivos ecoloxistas e despois dunha reunión na que a Dirección Xeral do Patrimonio Cultural, a Dirección Xeral de Conservación da Natureza e representantes da organización SEO/BirdLife abordaron as medidas necesarias para salvagardar a colonia de cirrios así como a biodiversidade e en especial a fauna que poda habitar na Muralla, á vez que se realizan os labores precisos para garantir o seu bo estado de conservación.
Neste sentido, decidiuse restrinxir e evitar realizar calquera actuación sobre o lenzo exterior e interior da muralla que poida molestar a normal actividade dos cirrios durante o período de nidificación e en particular non aplicar produtos biocidas e restrinxir a presenza de estadas e operarios fronte aos lenzos por tempos continuados durante dito período.
Estudo das actuacións posibles
En calquera caso, e dado que non afectan nin perturban o normal desenvolvemento da vida e as actividades propias do período de cría destas aves, vanse a seguir executando, conforme o proxecto autorizado e o plan de execución previsto, os traballos de mantemento e conservación do adarve e os seus peitorís ou pequenos antepeitos de fábrica de pedra que constrúen a defensa e protección dos usuarios do adarve, os traballos de mantemento da instalación de alumeado público do adarve, os traballos de impermeabilización da Porta de San Pedro e aqueles outros que por su emprazamento, zona de afección ou alcance non afecten ou molesten aos cirrios. Así mesmo, estudarase se é posible realizar traballos puntuais de reparación de fábricas nalgún dos máis de 5,5 quilómetros de lonxitude que suman os lenzos exteriores e interiores da Muralla de Lugo, en zonas nas que non se teñan detectado a presenza de niños durante o período de cría, actuando sempre puntualmente e de forma localizada diminuíndo a presenza e tamaño dos medios auxiliares e alternando os ámbitos de actuación.
Neste sentido estase estudando tamén completar e ampliar o equipo técnico experto que se encarga do control medioambiental das obras en marcha, incorporando a un experto en zooloxía e con experiencia e coñecemento especializado en ornitoloxía, co fin de mellorar e axilizar a determinación dos traballos que poidan supoñer un risco para esta colonia de aves.
Ademais, e dado que non resultan prexudiciais para a conservación do monumento, existe a posibilidade de poñer en marcha medidas que favorezan a presenza e permanencia destas aves no monumento, tales como a incorporación aos lenzos reconstruídos de caixas prefabricadas ou espazos ocos específicos que poidan favorecer a súa utilización coma niños ás aves ou outros animais.
Cubo VI
Respecto da restauración do Cubo VI, a consellería iniciará en breve estes traballos, dado que son fundamentais para a estabilidade do paramento interior da Muralla nesa zona. Con todo, e atendendo ás medidas de salvagarda da colonia de cirros, para executar estes traballos vaise evitar colocar unha malla de protección sobre a estada que por motivos de seguridade é imprescindible colocar pola cara exterior do Cubo VI. Polo mesmo motivo e dado que esta estada non vai contar con malla de protección, non se utilizará para a permanencia de operarios.
Esta medida de precaución adoptada para evitar molestar ás aves durante o seu período de nidificación esixe que toda a obra de restauración do Cubo VI se execute desde o adarve e o paramento interior, instrucións que xa se trasladaron á dirección facultativa da obra.
A protección do monumento paralela á protección das especies que nel habitan é posible grazas á colaboración entre os departamentos públicos autonómicos responsables da protección e conservación da natureza e do patrimonio cultural.