Nova: Os versos de Manuel María chegan aos fogares galegos a través de dúas pezas audiovisuais que emite este mes a TVG

10/05/2016

Os versos de Manuel María chegan aos fogares galegos a través de dúas pezas audiovisuais que emite este mes a TVG

Os dous poemas de Manuel María que se mergullarán na grella da Televisión de Galicia son A Pita Choca e Biografía dunha folla

  • A pita choca
  • A pita choca
  • Biografía dunha folla

Santiago, 10 de maio de 2016.- Os versos de Manuel María chegarán neste mes das Letras aos fogares galegos a través da programación da Televisión Galicia, coa emisión de pequenas e creativas pezas audiovisuais realizadas a partir de dous poemas do escritor chairego, homenaxeado este ano pola Real Academia Galega no 17 de maio.

A iniciativa, promovida pola Consellería de Cultura e Educación e pola canle de televisión autonómica, foi presentada esta mañá pola directora da Televisión de Galicia, Rosa Vilas, e polo secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, quen recordou que “a colaboración entre institucións fixo posible acadar unha celebración central no noso país arredor das Letras Galegas, como festexo cultural de primeira magnitude”.

Maio, mes da nosa fala, mes das nosas letras
“Ademais dos traballos e programas que tratan cada autor en profundidade, consideramos de interese abordar, a modo de pequenas pílulas, anacos da obra do autor que sirvan como petiscos de entrante que abran o apetito dos espectadores para coñecer máis da obra do poeta Manuel María, e mais para recordar, entre programa e programa, que maio, en Galicia, é mes de lecturas, mes da nosa fala, mes das nosas letras”, explicou Anxo Lorenzo.

Dous poemas suxestivos
Os dous poemas de Manuel María que se mergullarán na grella da Televisión de Galicia son “A Pita Choca”, pertencente ao libro ‘Os soños na gaiola’ e centrado nos lectores máis novos, e “Biografía dunha folla”, do libro ‘Oráculo para cavaliños do demo’, dirixido ao público xeral adulto. Trátase, segundo afirmou o secretario xeral de Cultura, “dous poemas significativos da produción literaria do escritor e, ao mesmo tempo, suxestivos para o traballo de imaxe”, levado a cabo por Algarabía Animación.

As dúas pezas están accesibles no web de Cultura de Galicia, a través de http://www.cultura.gal/gl/destaque-dinamizacion/23068

A Secretaría Xeral de Cultura e a Televisión de Galicia veñen colaborando desde hai anos, cada mes de maio, na difusión da figura homenaxeada no Día das Letras Galegas, co obxectivo común de contribuír ao coñecemento e ao aprecio social da obra das autoras e dos autores escollidos pola Real Academia Galega para esta celebración. 

Comparte