Nova: Nova edición dos Premios Emprende Gaiás-Sixto Seco
25/05/2016
Nova edición dos Premios Emprende Gaiás-Sixto Seco
A convocatoria, aberta do 2 de xuño o 8 de xullo, conta con 3 categorías: proxectos culturais en internet, deseño cultural e proxectos na área da xestión cultural
Os proxectos gañadores contarán coa incorporación de balde durante doce meses ao Centro de Emprendemento do Gaiás e un premio en metálico de 2.000 euros
Afundación e Abanca patrocinan dos dous premios Sixto Seco, que contan coa colaboración do Igape
Santiago, 22 de maio de 2016.- Nova edición dos premios Emprende Gaiás-Sixto Seco. A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria da man da Fundación Cidade da Cultura convoca a cuarta edición deste concurso de ideas e proxectos innovadores co que dar apoio aos emprendedores e dinamizar as industrias culturais de Galicia, que nesta edición conta co patrocinio de Abanca e Afundación e a colaboración do Igape.
A convocatoria ábrese o 2 de xuño e permanecerá aberta ata o 8 de xullo e, con ela, a Cidade da Cultura busca poñer en marcha ideas ou proxectos innovadores no mundo das industrias culturais artelladas en tres modalidades: aplicacións informáticas ou proxectos culturais en internet, proxectos na área do deseño, creación artística e plástica e na área da xestión cultural.
O premio en cada unha das modalidades será a incorporación gratuíta durante doce meses ao Centro de Emprendemento do Gaiás e un premio en metálico de 2.000 euros para cada proxecto para contribuír ao financiamento da nova empresa. Dous dos premios están patrocinados por Afundación e Abanca, respectivamente, e esta cuarta edición conta coa colaboración do Igape.
Criterios de avaliación
Esta cuarta convocatoria está destinada a titulados de ciclos medios e superiores de Formación Profesional e das ensinanzas profesionais de artes plásticas, titulados e diplomados de escolas de arte, licenciados e diplomados universitarios en humanidades e/ou calquera outra rama artística e calquera outra persoa licenciada ou diplomada con vinculación no emprendemento cultural e que desexen desenvolver a súa actividade na Cidade da Cultura.
Xunto coa solicitude de participación, os interesados deberán presentar os seus traballos e documentación acreditativa da súa formación á Fundación Cidade da Cultura de Galicia. Tanto as bases do concurso como a solicitude de inscrición están dispoñibles en www.cidadedacultura.gal e www.edu.xunta.es.
Á hora de avaliar os proxectos terase en conta –e por orde de importancia- o carácter innovador e a creatividade da idea presentada, as posibilidades de se converter nun proxecto viable, a adecuación do proxecto á modalidade presentada, a integración de perfís profesionais dos participantes e a súa capacidade dinamizadora e o impacto na súa área de influencia. Os gañadores daranse a coñecer o vindeiro 30 de setembro.
Nove proxectos xa en marcha
Desde a posta en marcha en 2013 dos primeiros ‘Emprende Gaiás-Sixto Seco’, nove empresas do ámbito cultural comezaron a desenvolver a súa actividade no Centro de Emprendemento da Cidade da Cultura.
Os gañadores da primeira edición foron Hugo Crespo Pazos co proxecto ‘Coolto’, unha ambiciosa axenda cultural galega; Isabel Albela González con ‘Boh’; unha novidosa liña de regalos e souvenirs; e Planeta Namec de Benjamín Trillo.
No 2014, resultaron gañadores Santiago Berdullas con Kappowsky, unha aplicación de xeolocalización en espazos culturais para teléfonos móbiles e tablets; Soraya Redondo Taboada co seu proxecto téxtil ‘Frigilda is dead’; e Clara Rodríguez Cordeiro con ‘7H Cooperativa Cultural’, un proxecto de traballo asociado para profesionais de xestión e creación contemporánea.
Na edición anterior, os gañadores foron a plataforma de consumo colaborativo de equipos audiovisuais ‘Nuevos Mozarts-Conetcam’, a liña de produtos infantís ‘Cucuducho’ e a consultoría especializada en innovación e cultura ‘Kolectiv’.
Algúns destes proxectos, como Kappowsky ou 7H Cooperativa Cultural seguen a desenvolverse no Centro de Emprendemento do Gaiás, que engloba un espazo de coworking, un viveiro de empresas e o espazo de crowdworking Galicia Open Future, en alianza con Telefónica e a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega). Tres iniciativas que, a día de hoxe, reúnen un cento de proxectos, consolidándose como un motor do apoio a innovación empresarial a xeración de novas empresas en Galicia.
Homenaxe a Sixto Seco
Os premios Emprende Gaiás-Sixto Seco homenaxean a figura dun promotor cultural de primeira orde como foi o médico e intelectual galego Agustín Sixto Seco. Ademais do seu papel clave na medicina galega, Agustín Sixto Seco participou desde a década dos 70 en proxectos editoriais como Galaxia, en padroados como o de Rosalía de Castro e da Fundación Otero Pedrayo, así como en institucións como Penzol, Castelao, Camilo José Cela e o Museo do Pobo Galego.
Tras a súa morte, e biblioteca e arquivo persoal deste intelectual –integrada por máis de 4.000 volumes que abarca desde importante exemplares dos primeiros tempos da edición galega de posguerra, especialmente de Galaxia, fondos americanos procedentes da emigración, abundantes obras sobre Galicia, así como de medicina ou temas históricos, relixiosos, políticos e literarios- forman parte da Biblioteca de Galicia da Cidade da Cultura.