Nova: A obra fotográfica de José Suárez exponse no Instituto Cervantes de Madrid

26/05/2016

A obra fotográfica de José Suárez exponse no Instituto Cervantes de Madrid

A institución manifesta o seu interese en levar a exposición ‘Uns ollos vivos que pensan’ ás súas sedes de Toquio, París e São Paulo durante o 2017

Román Rodríguez destaca a importancia de que esta institución acolla a obra do fotógrafo galego como exposición principal da súa sede, dando a coñecer a esta “figura clave da fotografía do século XX”

Víctor García de la Concha subliña o carácter ‘"inquieto e explorador" do artista e as súas "firmes conviccións liberais e democráticas"

 

Madrid, 26 de maio de 2016.- O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, celebrou esta tarde, na apertura de portas da exposición ‘José Suárez. Uns ollos vivos que pensan’ na sede do Instituto Cervantes, o regreso da obra do xenial fotógrafo de Allariz a Madrid, setenta anos despois da súa exposición no Círculo de Belas Artes. Tras expresar o seu agradecemento ao Cervantes por apoiar a difusión da obra de Suárez fóra de Galicia, o conselleiro destacou a importancia de que esta institución teña optado por esta exposición como mostra principal da súa sede no centro de Madrid durante a temporada de máxima afluencia turística, dando a coñecer a obra desta “figura clave na historia da fotografía do século XX en Galicia e España” e poñendo en valor a cultura galega no exterior, “descubrindo unha parte selecta da nosa producción artística.”

A exposición ‘José Suárez. Uns ollos vivos que pensan’, producida pola Cidade da Cultura de Galicia e que se puido visitar no Museo Centro Gaiás en Santiago de Compostela entre novembro de 2015 e marzo de 2016, poderá visitarse de balde no Cervantes ata o 11 de setembro. Na apertura de portas, Román Rodríguez estivo acompañado pola directora de Cultura do Cervantes, Beatriz Hernanz, quen destacou a visión humanista e as novidades formais das imaxes de Suárez, incorporando tendencias propias das vangardas europeas, como a Nova Visión ou a Nova Obxectividade, e converténdose nun dos nomes imprescindibles da fotografía no século XX.

Na introdución do catálogo elaborado para esta exposición, o director do Instituto Cervantes, Víctor García de la Concha, describe a José Suárez como “un home viaxeiro por vocación e por obrigación, un galego inquieto e explorador, un home de firmes conviccións liberais e democráticas polas que se verá abocado ao exilio”.

Novos destinos para a exposición
O conselleiro de Cultura enmarcou esta itinerancia da exposición dentro do obxectivo de rescatar a obra de José Suárez dun "esquecemento inxusto" e de promover o coñecemento máis alá de Galicia. Nesta mesma dirección, o Instituto Cervantes mostrou o seu interese en estender este programa de itinerancias e adiantou que se está a valorar levar esta exposición durante o ano 2017 aos centros do Cervantes en Toquio, París e São Paulo

Na institución que simboliza a casa das letras da lingua española, Román Rodríguez lembrou a proximidade de José Suárez coa intelectualidade do seu tempo, tanto na España da República como no exilio en Arxentina e Uruguai: a súa amizade con poetas, escritores e pensadores como Miguel de Unamuno, Rafael Alberti, Ramón Pérez de Ayala ou José Bergamín, e cos galegos da diáspora, como Luís Seoane ou Eduardo Blanco Amor.

De seguro, “sentiríase feliz” de que as súas imaxes se mostrasen na gran casa das letras que é o Instituto Cervantes, asegurou Román Rodríguez, quen lembrou a feliz coincidencia de que as súas fotografías se exhiban nun dos edificios emblemáticos da capital de España, obra tamén dun galego, o arquitecto Antonio Palacios.

Comisariada por Manuel Sendón e Xosé Luis Suárez Canal, a exposición, a máis ambiciosa das realizadas ata o momento sobre o fotógrafo, reúne as súas imaxes más coñecidas, como as da serie Mariñeiros ou o famoso retrato de Unamuno, pero tamén as tomadas durante as súas viaxes a Xapón, ou das últimas que realizou na súa vida como as da serie de ‘La Mancha’ (1965).

Neste sentido, cando se conmemoran os catrocentos anos da morte de Miguel de Cervantes, cómpre destacar a fascinación que o universo de Don Quijote exerceu sobre José Suárez, plasmado nas conmovedoras imaxes da serie ‘La Mancha. La ruta del Quijote’, cando o fotógrafo galego, desilusionado co país que atopaba cando regresou a España en pleno franquismo, aseguraba que "saía a buscar Quijotes e só atopaba Sancho Panzas".

Programa de actividades
O Instituto Cervantes ofrecerá todos os sábados ás 18 horas visitas guiadas á exposición. No marco do programa de actividades en torno á mostra, o 3 e 5 de xuño organizaranse visitas guiadas especiais, baixo o título ‘Paisaxes literarios e escritores na fotografía de José Suárez’, dentro do programa de Madrid, outra mirada literaria. O día 18 de xuño, con motivo do Día do Español (Día E), está prevista tamén outra xornada de visitas guiadas e o 8 de xuño e o 7 de setembro terán lugar mesas redondas con escritores, críticos e expertos na obra de José Suárez

A exhibición das fotografías de José Suárez na sede do Cervantes coincidirá en Madrid con outra exposición tamén cun célebre galego como protagonista, a mostra que acollerá a Biblioteca Nacional con motivo do centenario de Camilo José Cela. Co título ‘CJC 2016. O centenario dun Nobel’, abrirase ao público o 4 de xullo e estará ata o 25 de setembro. Posteriormente, viaxará a Galicia, onde poderá visitarse no Museo Centro Gaiás da Cidade da Cultura a partir do 18 de novembro. A exposición está organizada por Acción Cultural Española e pola Fundación Camilo José Cela e conta coa colaboración da Biblioteca Nacional e da Fundación Cidade da Cultura de Galicia.

Comparte