Nova: A mostra itinerante Manuel María. Beleza, amor e compromiso chega a Vilalba

31/05/2016

A mostra itinerante Manuel María. Beleza, amor e compromiso chega a Vilalba

A exposición coa que aCultura e a Casa-Museo Manuel María conmemoran conxuntamente as Letras Galegas 2016 percorrerá ata decembro 13 puntos de Galicia

  • A mostra itinerante 'Manuel María. Beleza, amor e compromiso (1929-2004)' chega a Vilalba A mostra itinerante 'Manuel María. Beleza, amor e compromiso (1929-2004)' chega a Vilalba

Santiago, 31 de maio de 2016.- A mostra itinerante 'Manuel María. Beleza, amor e compromiso (1929-2004)' chega a Vilalba, outra das vilas emblemáticas da vida e da obra de Manuel María Fernández Teixeiro, o autor ao que Real Academia Galega lle rendeu tributo o 17 de maio. Faino no marco da programación de actividades conmemorativas das Letras Galegas 2016 posta en marcha desde a Xunta de Galicia, por iniciativa conxunta da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e mais da Casa-Museo Manuel María.

Así, logo de facer as primeiras paradas na Coruña -cidade na que viviu e finou o poeta- e en Outeiro de Rei -lugar de nacemento no que se celebraron os actos centrais do día grande das letras- poderase visitar na Casa da Cultura da capital chairega desde mañá ata o vindeiro 15 de xuño. Percorrerá, ata finais de ano, outras 10 bibliotecas e concellos da Rede de Dinamización Lingüística das catro provincias galegas: Santiago de Compostela, Vilalba, Monforte de Lemos, Celanova, Lugo, Noia, Marín, Pontevedra, Ferrol, Vigo e Ourense.

'Manuel María. Beleza, amor e compromiso (1929-2004)'
O proxecto co que a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, a través das secretarías xerais de Cultura e de Política Lingüística, e mais a Casa-Museo Manuel María queren achegarlle á cidadanía a figura, a vida e a obra de Manuel María é unha exposición divulgativa que amosa de xeito ameno e gráfico a traxectoria vital e literaria do autor homenaxeado polas Letras Galegas 2016.

Comisariada pola Casa-Museo Manuel María, esta mostra amosa por medio de dez paneis -e grazas ao material achegado pola propia Fundación- dun xeito ameno e gráfico a personalidade de Manuel María e a evolución da súa obra ao longo das distintas etapas vitais. Ofrece, tamén, un completo folleto informativo sobre a figura, a vida e a obra do Poeta do Pobo.

A exposición afonda, asemade, en aspectos relevantes como a identificación do escritor coa terra e a paisaxe, o seu compromiso coa lingua galega, a súa faceta de clásico e precursor da vizosa literatura infantil galega da que hoxe gozamos, a súa participación na vida política, a súa poesía intimista ou a variedade de xéneros literarios que abordou.

 

Percorrido por 13 puntos de Galicia ata decembro
'Manuel María. Beleza, amor e compromiso (1929-2004)' iniciou o pasado 2 de maio na Biblioteca Pública González Garcés da Coruña un percorrido por 13 puntos da xeografía galega que tivo como segunda parada a Casa da Cultura de Outeiro de Rei, onde se puido visitar ata onte.

Tras o seu paso por Vilalba, en cuxa Casa da Cultura permanecerá exposta ata o 15 deste mes, a mostra chegará a Santiago de Compostela para facer parada do 17 de xuño ao 2 de xullo na Biblioteca Pública Ánxel Casal.

Xa no mes de xullo, chegará a Marín (do 5 ao 16, no Museo Municipal Manuel Torres) e a Noia (do 18 ao 2 de agosto, na Casa da Cultura); en setembro, a Pontevedra (do 1 ao 14, na Biblioteca Pública Antonio Odriozola) e a Vigo (do 16 ao 2 de outubro, no Edificio Administrativo da Xunta de Galicia); en outubro, a Monforte de Lemos (do 4 ao 17, na Casa da Cultura) e a Lugo (do 19 ao 31, na Biblioteca Pública); e, en novembro, a Ferrol (do 3 ao 15, na Biblioteca Pública) e a Ourense (do 17 ao 30, no Ateneo).

'Manuel María. Beleza, amor e compromiso (1929-2004)' concluirá a súa itinerancia no derradeiro mes do ano en Celanova (do 2 ao 18 de decembro, na Casa dos Poetas). Máis información e materiais no enlace www.lingua.gal/recursos/todos?content=/Portal-Lingua/Contido/recursos/letras-galegas/2016/contido_0556.html do Portal da Lingua Galega.
 

Comparte