Nova: Cincocentos nenos e nenas de estudos musicais de toda Galicia cantaron en Cangas os versos dos trobadores

03/06/2016
Cincocentos nenos e nenas de estudos musicais de toda Galicia cantaron en Cangas os versos dos trobadores
Anxo Lorenzo calificou No bico un cantar de "festa para a música e para os versos históricos dos nosos mellores poetas inspirados nas ondas atlánticas"
Cangas (Pontevedra), 3 de xuño de 2016.- O adro da igrexa de Santiago de Cangas acolleu esta tarde o concerto da cuarta edición de No bico un cantar, un programa educativo e cultural promovido pola Consellería de Cultura e Educación e polo Consello da Cultura Galega que congregou na súa cuarta edición 500 alumnos e alumnas de toda Galicia, procedentes dos conservatorios de música profesional e de centros de música do Morrazo.
“Esta actividade é unha festa para a palabra, para os versos históricos dos nosos mellores poetas inspirados nas ondas atlánticas, e é, ao mesmo tempo, unha festa para a música”, asegurou o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, previamente ao inicio da actuación, dedicada este ano á lírica trobadoresca. “Hoxe –engadiu– temos unha festa chea de futuro e, sobre todo, unha experiencia para o presente destes rapaces, que se mergullaron durante semanas na palabra literaria e nas harmonías creadas por algúns dos mellores compositores do noso tempo”.
“Ben seguro que esta foto era máis difícil de conseguir hai só un par de décadas en Galicia –dixo– e é froito dunha evolución constante na incorporación dos estudos musicais no noso país, na que debemos seguir avanzando, nas súas diferentes vertentes e niveis, para aproveitarmos todos os beneficios da música para a nosa sociedade e para as nosas vidas”. Este resultado, segundo explicou, “é obra dos propios rapaces e das súas familias, porque é froito da perseverancia e do esforzo, e isto en si mesmo é unha aprendizaxe e un valor”.
O repertorio do concerto
O repertorio da cuarta edición de No bico un cantar incluíu poemas de diferentes xograres e trobadores da lírica medieval. Concretamente, os rapaces e rapazas cantaron ‘A cançao do marinheiro’, de Lourenço, con música de Heitor Villa-Lobos, as cantigas de Martín Códax ‘Quanto sabedes amar’ e ‘Ondas do mar de Vigo’", unidas nunha única peza, e ‘Rosa das Rosas’, de Alfonso X O Sabio. Canda elas, e como vén sendo habitual neste programa, o Consello da Cultura Galega encargou a composición musical dun poema. Nesta ocasión trátase da estrea da versión que Rogelio Groba fixo de ‘Pois nosas madres van a San Simón’, de Pero Viviaez. O concerto rematou co ‘Maio longo’, de Rosalía de Castro, musicado por José Baldomir, como vén sendo unha tradición neste programa desde a súa creación en 2013.
O recoñecido pianista e director Maximino Zumalave repetiu como responsable artístico deste proxecto e tamén o fixo o grupo de metais Hércules Brass, un quinteto de diferentes instrumentos (trompeta, trompa, trombón e tuba) ao que se incorporou nesta ocasión un músico para conformar un sexteto, mentres que a escritora Rosa Aneiros exerceu como mantedora do acto.