Nova: Galicia Escena PRO pecha co pitching de proxectos e coa estrea de O conto da Azuzaina

09/06/2016

Galicia Escena PRO pecha co pitching de proxectos e coa estrea de O conto da Azuzaina

O mercado galego de artes escénicas concluirá en Santiago tras catro xornadas de actividade para profesionais e para o público xeral, coa participación de más de 120 axentes culturais e 37 compañías

Dez destas formacións presentaranlles hoxe aos programadores asistentes os novos proxectos que levarán proximamente ás táboas

A cuarta xornada inclúe a estrea absoluta do espectáculo infantil coproducido por Limiar Teatro, Esteoeste e Crémilo, ademais das representacións de Nosa Señora das Nubes, A forma das cousas e Eroski Paraíso
 

  • Galicia Escena Pro Galicia Escena Pro
  • Galicia Escena Pro Galicia Escena Pro
  • Galicia Escena Pro Galicia Escena Pro
  • Galicia Escena Pro Galicia Escena Pro

Santiago, 9 de xuño de 2016.- A cuarta edición de Galicia Escena PRO, o mercado das artes escénicas organizado en Santiago pola Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), chega á súa fin tras catro xornadas nas que se combinou a exhibición e a presentación das novas propostas de 37 compañías co intercambio profesional entre os máis de 120 axentes culturais acreditados.

Esta cuarta e última xornada dará comezo ás 11.00 horas na Fundación SGAE coa estrea absoluta de ‘O conto da Azuzaina’, un espectáculo para público infantil de entre 7 e 11 anos que coproducen Limiar Teatro, Esteoeste e Crémilo. Música en directo, malabares e manipulación de obxectos mestúranse nesta proposta que aborda a diversidade familiar desde unha perspectiva lúdica e festiva. Fran Núñez é o seu director, ademais de integrar o elenco xunto a Herminio Campillo e José Carlos Illanes.

Impulso á difusión dos novos traballos
A continuación, terá lugar neste mesmo espazo compostelán as presentacións de proxectos en formato ‘pitching’, que a Agadic organiza por segundo ano consecutivo dentro de Galicia Escena PRO co obxectivo de achegar a posibilidade de difusión dos seus traballos a un maior número de compañías, ao tempo que se amplía a panorámica que sobre a actualidade escénica galega se lles ofrece aos programadores acreditados.

Este ano serán 10 as formacións que darán conta dos seus novos proxectos nesta sesión, na que intervirán Cinema Sticado, Compañía Borja Fernández, Contraproducións, Eme 2 Emoción&Arte, Grupo Chévere, Mago Rafa, Os Monicreques de Kukas, Soliloquio Producións Teatrais, Teatro Babaluva e Teatro Ghazafelhos. Cada unha delas terá un máximo de seis minutos para adiantarlles aos asistentes as producións que están a preparar nestes momentos.

A prioridade é reforzar a promoción da actividade escénica galega diante dos profesionais encargados de deseñar as carteleiras culturais. Para eles pensouse igualmente o programa de exhibición de espectáculos completos e ‘showcases’ a modo de catálogo ao vivo de espectáculos en fase de contratación, presentados tanto por compañías históricas ou xa consolidadas como por colectivos de recente creación.

Oferta para o público xeral
Ao tempo, Galicia Escena PRO busca tamén impulsar unha maior visibilidade da oferta escénica entre o público xeral, que está a gozar desta programación mediante o acceso gratuíto aos espectáculos en formato completo, en función da capacidade de cada espazo.

Hoxe pola tarde terán lugar as tres últimas representacións incluídas nesta carteleira aberta. Teatro do Morcego porá en escena ás 17.30 horas no Auditorio Abanca ‘Nosa Señora das Nubes’, versión da galardoada obra de Arístides Vargas interpretada por Josi Lage, Celso Parada, Mundo Villalustre e Pablo Costas. Parada é tamén o director escénico desta montaxe sobre a memoria dos expatriados e o desarraigamento provocado pola diáspora.

La Yogurtera chega a Galicia Escena PRO coa adaptación doutro coñecido dramaturgo internacional, o norteamericano Neil LaBute, autor de ‘A forma das cousas’. Carlos Álvarez-Ossorio asina a dirección e a dramaturxia desta peza, que poñen en escena Sara Casasnovas, Borja Fernández, Victoria Pérez, Machi Salgado e Pablo Seoane, quen se encarga da música en directo. La Yogurtera debuta na produción teatral con esta provocadora historia sobre os límites do amor e da arte contemporánea, que poderá verse no Teatro Principal ás 19.00 horas.

A última cita desta cuarta edición do mercado das artes escénicas será ás 22.30 horas no Salón Teatro con Chévere e ‘Eroski Paraíso’, proposta escrita por Manuel Cortés e dirixida por XRon. Patricia de Lorenzo, Miguel de Lira, Cristina Iglesias, Fidel Vázquez e Luís Martínez interpretan este espectáculo, que é o resultado dun proceso de investigación de varios meses que logo se concretou no local de ensaio. A conversión da sala de festas O Paraíso de Muros nun supermercado serve aquí para narrar o desarraigamento vital dunha xeración que experimentou o paso dunha sociedade tradicional a unha sociedade de consumo.
 

Comparte