Nova: O XI Congreso Estatal de Salas de Concertos aborda na Coruña a profesionalización do sector

13/06/2016

O XI Congreso Estatal de Salas de Concertos aborda na Coruña a profesionalización do sector

Os responsables de máis de 60 locais de música en directo de toda España participarán nesta cita, enmarcada na celebración da I Semana da Música

O programa inclúe charlas, mesas redondas, obradoiros, concertos, ‘showcases’ e unha escolma de documentais sobre música do festival barcelonés Beefeater In-Edit, que poderá verse na sede do CGAI do xoves ao sábado
 

A Coruña, 13 de xuño de 2016.- A Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) colabora coa organización do XI Congreso Estatal de Salas de Concertos, que dará comezo hoxe luns na Coruña no marco da I Semana da Música. Charlas, mesas redondas, obradoiros, concertos, ‘showcases’ e proxeccións integran o programa deste encontro, ao que asistirán os representantes de máis de 60 locais de música en directo de toda España para abordar a profesionalización desde sector.

A Asociación Galega de Salas de Música ao Vivo Clubtura e a Asociación Estatal de Salas Privadas de Música en Directo (Acces) promoven esta iniciativa, na que a Agadic tamén participa a través do ciclo de documentais audiovisuais que ofrecerá o Centro Galego de Artes da Imaxe (CGAI-Filmoteca de Galicia). Contan, así mesmo, co apoio do Concello da Coruña, a Deputación Provincial e SON Estrella Galicia.

O Centro Cívico Cidade Vella acollerá desde hoxe e ata o xoves 16 preto de vinte de charlas e mesas redondas a través das que se analizarán cuestións como o papel da muller neste sector, o márketing, os circuítos e festivais, a prevención en riscos laborais, a Seguridade Social dos músicos ou a perspectiva multidisciplinar nos espazos en directo. Coñecidos nomes da industria musical galega e española intervirán nestes relatorios, de entrada gratuíta para o público xeral previa inscrición nesta web.

Documentais musicais no CGAI
O cine tamén terá cabida nesta I Semana da Música da man do Centro Galego de Artes da Imaxe. A súa sede da Coruña acollerá do mércores 16 ao sábado 18 unha escolma do catálogo de documentais sobre música do festival barcelonés Beefeater In-Edit, que un ano máis volve estar presente na programación da filmoteca galega.

No marco deste ciclo, o xoves proxectarase ‘Bird on a Wire’, de Tony Palmer; e ‘Lambert & Stamp’, de James D. Cooper; o venres, ‘Rumba 3’, de Joan Capdevila e David Casademunt, e ‘Salad Days. A Decade of Punk in Washington D.C. (1980-90)’, de Scott Crawford; e o sábado, ‘Orion. The Man Who Would Be King’, de Jeanie Finlay. Todas estas sesións serán de acceso libre ata completar a capacidade da sala.

Concertos e ‘showcases’
En canto as actuacións musicais, o encontro ofrecerá en diferentes salas da cidade un total de 14 concertos e sete ‘showcases’ de bandas emerxentes. Así, o mércores actuarán Robert John & The Wreck, Hot Chocolates e Miguel González Quartet; o xoves farano Aldaolado, Son al Son e Sanmamed Trío; o venres será a quenda de Carmen Picado, Garufa Blue Devils Big Band e o trío que forman Miguel Flores, Sandra Calderón e Isaac Salazar; o sábado tocarán Adrián Costa & The Criers, Lost Carnivale, New Orleans Trio e Deva Sanmartín Trío; e o domingo, Los Plutones nun concerto especial para público familiar.

No caso dos ‘showcases’ e tras unha convocatoria dirixida a grupos emerxentes galegos nas categorías de pop-rock, música de raíz e jazz, seleccionáronse sete bandas para ofrecer outros tantos microconcertos duns vinte minutos de duración. Amoeba Split, Kozmic Blues, The Trunks, Hermanos Zapruder, Jamie Fifthring, Pardo e Los Árboles terán a oportunidade de dar a coñecer o seu traballo diante dos programadores asistentes ao congreso a través da súa participación neste carteleira musical o martes 14 e o mércores 15.
 

Comparte