Nova: Nace o Festival Novos Cinemas de Pontevedra cunha sección competitiva e encontros sobre a creación audiovisual novel

14/06/2016

Nace o Festival Novos Cinemas de Pontevedra cunha sección competitiva e encontros sobre a creación audiovisual novel

A Agadic apoia a primeira edición deste evento a través dunha mesa redonda sobre as particularidades da promoción dos novos cineastas no marco do seu programa formativo Galicia ProFilme

O Teatro Principal, a Casa da Luz, a Casa das Campás e o Museo de Pontevedra acollerán as principais actividades deste evento entre o 28 de xuño e o 3 de xullo
 

  • O Teatro Principal, a Casa da Luz, a Casa das Campás e o Museo de Pontevedra acollerán as principais actividades deste evento entre o 28 de xuño e o 3 de xullo  O Teatro Principal, a Casa da Luz, a Casa das Campás e o Museo de Pontevedra acollerán as principais actividades deste evento entre o 28 de xuño e o 3 de xullo

Pontevedra, 14 de xuño de 2016.- O Festival Novos Cinemas celebrará en Pontevedra a súa primeira edición do 28 de xuño ao 3 de xullo en catro espazos da cidade e cunha programación baseada no apoio e difusión dos traballos dos creadores audiovisuais noveis. Unha sección competitiva internacional con nove filmes a concurso e distintas actividades de formación e de encontro profesional son os eixos deste evento.

O novo festival, promovido e organizado pola produtora Matriuska, con Daniel Froiz como director executivo e Ángel Santos como director artístico, nace cos apoios do Concello e da Deputación de Pontevedra, do Vicerreitorado do campus pontevedrés e da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, ademais de distintos patrocinios privados. O director da Agadic, Jacobo Sutil, participou hoxe na rolda de prensa na que se deu conta dos contidos do I Novos Cinemas xunto con representantes de todas estas entidades.

A prol do talento emerxente
Os participantes déronlle a benvida ao Novos Cinemas e destacaron o obxectivo principal e distintivo do festival, que é o de dar visibilidade ás obras de cineastas con non máis de dúas longametraxes realizadas, así como detectar e promover o talento emerxente dentro do heteroxéneo abano do cinema contemporáneo. Novos Cinemas, que xa celebrou o pasado ano unha edición cero na que se sentaron as súas bases, tamén lle dedica un amplo espazo aos encontros para o intercambio e coñecemento de experiencias entre creadores e produtores e aos talleres formativos para todas as idades, sen esquecer a vertente máis lúdica da sétima arte e o seu potencial para a captación de públicos.

Jacobo Sutil recalcou que a colaboración con este I Novos Cinemas —que debido á súa recente creación aínda non pode concorrer ás subvencións para este tipo de eventos— concrétase na celebración da mesa redonda ‘Primeiros filmes e mercado’, que terá lugar o 3 de xuño no marco do programa de formación continua da Agadic Galicia ProFilme e que versará sobre as estratexias e particularidades da promoción das obras de autores noveis. A presenza da Agadic no certame esténdese, así mesmo, á inclusión no palmarés do Premio Cinemas de Galicia, en referencia ao circuíto local de distribución cinematográfica coordinado pola Xunta de Galicia.

O Teatro Principal será a sede que acollerá a proxección das nove películas que concorren ao Premio Novos Cinemas á Mellor Longametraxe a ao Premio do Xurado Novo ‘Screenly’. Integran esta selección ‘Baden Baden’ (Bélxica), ‘Dead Slow Ahead’ (España/Francia), ‘John From’ (Portugal), ‘Lu Bian Ye Can’ (China), ‘Risttuules’ (Estonia), ‘Short Stay’ (EE.UU.), ‘Siembra’ (Colombia/Alemaña), ‘Les Deux Amis’ (Francia) e ‘Branco Sai, Preto Fica’ (Brasil). Os últimos seis títulos son, ademais, estreas absolutas en Galicia.

Retrospectiva de José Luis Guerin
Outro dos reclamos desta primeira entrega do festival será unha retrospectiva do director José Luis Guerin, considerado unha figura clave para coñecer o cinema actual. Ademais da proxección de tres das súas películas (‘La academia de las musas’, ‘Innisfree’ e ‘Tren de sombras’) e de conducir a sesión ‘En diálogo. De JLG a...’, o cineasta catalán impartirá o seminario titulado ‘New, Nuovo, Nouvelle!!’, sobre a transcendencia das primeiras obras de grandes directores da historia do cine.

A actividade pedagóxica do Novos Cinemas, que se pretende levar a cabo de xeito continuado ao longo do ano unindo contidos técnico-divulgativos con xornadas prácticas, completarase con outras citas, como a mostra do obradoiro a cargo de Lois Patiño sobre cine e paisaxe, unha clase maxistral de Luis Aller, a exhibición dos traballos de alumnos de ensino secundario do programa ‘Cine en curso’, no que participa o Centro Galego de Artes da imaxe (CGAI), ou un cursiño sobre fotografía primitiva ‘Luz-Tempo’ dirixido a nenos de 8 a 12 anos.

O Espazo CREA S2i é outra das iniciativas centrais do festival, co que os seus organizadores buscan dar resposta á necesidade de unir formación e visibilidade dos novos talentos do audiovisual galego, aproveitando sinerxías coas facultades de Comunicación e Ciencias Sociais, Belas Artes e Publicidade e Relacións Públicas, as tres no campus pontevedrés de A Xunqueira. Así, mediante este apartado trataranse temas como a alfabetización cinematográfica, o cine postmoderno, os formatos non tradicionais, o videoarte, o Big Data ou a visualización de datos.

Ademais da Praza da Pedreira para algunhas proxeccións ao aire libre, a Casa da Luz, a Casa das Campás e o Museo de Pontevedra prestarán tamén as súas instalacións ao programa do festival para desenvolver tanto os cursos como os encontros, mesas redondas ou presentacións profesionais. Entre estas últimas figura a que realizarán Oliver Laxe e Felipe Lage sobre ‘Mimosas’, a película galega gañadora do Gran Premio da Semana da Crítica do Festival de Cannes 2016.
 

Comparte