Nova: O Circuíto Galego de Teatro Amador 2016 ofrecerá 60 representacións en toda Galicia
15/06/2016
O Circuíto Galego de Teatro Amador 2016 ofrecerá 60 representacións en toda Galicia
Cultura apoia este certame e o XV Festival Agustín Magán coas últimas propostas escénicas de grupos federados
Santiago, 15 de xuño de 2016.- A consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria reforza o seu compromiso co desenvolvemento do teatro afeccionado en Galicia ao renovar un ano máis a súa colaboración coa Federación Galega de Teatro Afeccionado (Fegatea), da que forman parte máis de 50 agrupacións.
O conselleiro, Román Rodríguez, e a presidenta da Federación, Consuelo Pampillón, asinaron hoxe un novo convenio de colaboración mediante o que a Consellería contribúe, cun investimento de 30.000 euros, á realización do Circuíto Galego de Teatro Amador 2016, que desde xuño ata final de ano ofrecerá un total de 60 representacións nas catro provincias galegas. Ao acto de sinatura, que tivo lugar no Salón Teatro, sede do Centro Dramático Galego, tamén asistiron o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, e mais a vicepresidenta e o tesoureiro da federación, María José García e Manuel Dasilva, respectivamente.
O circuíto teatral, que botou a andar este mes de xuño no Porriño, percorrerá ata finais de outubro a xeografía galega, con paradas en concellos como Narón, O Barco de Valdeorras, Antas de Ulla, Cuntis, Vedra e Lugo, para un público estimado de 7.500 espectadores. Gargallada, Trécola Teatro, A Fiestra, Porta Aberta, Maraño Teatro, Paso de Valverde, Chumpá Teatro e Andaravía serán algúns dos grupos encargados de lle achegar a cidadanía o teatro afeccionado.
Ao abeiro do convenio asinado esta mañá, a Consellería tamén colaborará coa décimo quinta edición do Festival Amador Agustín Magán, unha iniciativa coa que Fegatea difunde as últimas propostas escénicas do seus grupos federados nas catro provincias. En total serán sete actuacións na capital de Galicia, os días 29, 30 e 31 de outubro e o 1 de novembro deste ano. Tres delas representaranse no Teatro Principal e outras tres, no Salón Teatro, mentres que haberá tamén un espectáculo de rúa.
Achegar o teatro a todas as zonas
Un dos obxectivos desta programación de Fegatea é dotar de programación cultural pequenas localidades galegas que, por falta de infraestrutura ou dispoñibilidade orzamentaria, non poidan gozar habitualmente de espectáculos de artes escénicas na súa propia vila. Ao mesmo tempo, garántese a viabilidade do teatro afeccionado e a difusión do traballo das 53 agrupacións que conforman a federación e que actualmente constitúen a maior estrutura teatral organizada, o que tamén denota un interese común dos seus membros para traballar nunha mesma dirección.
Dinamización cultural
A Federación Galega de Teatro Afeccionado comezou a súa andaina en 2001 centrando os seus esforzos no fornecemento do tecido cultural ao redor do teatro amador no ámbito autonómico. Acadado este obxectivo, por medio dunha programación estable que abrangueu actividades formativas, de intercambio, mostras e festivais de teatro, nos últimos tempos tamén dedicou esforzos a promover o teatro amador galego no resto de España.
Cómpre salientar o intenso labor de dinamización cultural que cada unha das agrupacións que a conforman desenvolven na súa propia vila onde, en moitos casos, se ofrecen como única alternativa de programación cultural.