Nova: O CGAI pecha o programa Cinema en curso coa proxección das curtas

16/06/2016

O CGAI pecha o programa Cinema en curso coa proxección das curtas

Estudantes dos colexios San Xoán de Becerreá e A Rúa de Cangas, e dos institutos Manuel Murguía de Arteixo e Manuel Chamoso Lamas do Carballiño reuníronse na filmoteca galega para presentar os filmes que rodaron nas súas localidades

O secretario xeral de Cultura e o director da Agadic acompañaron os alumnos, profesores e directores participantes nesta iniciativa pedagóxica internacional, que o Centro Galego de Artes da Imaxe coordina en Galicia dentro do Plan Proxecta
 

A Coruña, 16 de xuño de 2016.- Un centenar de alumnos e profesores dos catro centros educativos de Arteixo, Becerreá, Cangas e O Carballiño participantes no programa ‘Cinema en curso’ presentaron hoxe no Centro Galego de Artes da Imaxe (CGAI-Filmoteca de Galicia) as pezas que rodaron nas súas localidades xunto aos directores galegos Ángel Santos, Jaione Camborda e Marcos Flórez. Clausurouse así a edición 2015-16 desta iniciativa pedagóxica internacional, da que forman parte España, Chile e Arxentina, e que en Galicia coordina o CGAI dentro do Plan Proxecta da Consellería de Cultura e Educación.

Os estudantes, de entre 10 e 16 anos de idade, do IES Manuel Murguía de Arteixo, do CEIP San Xoán de Becerreá, do CEIP A Rúa de Cangas e do IES Manuel Chamoso Lamas do Carballiño exhibiron os seus traballos diante dos resto dos participantes, cos que se abriu tamén un coloquio arredor de cada unha das pezas.

Acompañáronnos nesta sesión o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo; o director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), Jacobo Sutil; o director do CGAI, Guillermo Escrigas; e as directoras de ‘Cinema en curso’ a nivel internacional, Laia Colell e Nuria Aidelman. Asistiron, así mesmo, os profesores implicados no proxecto e os realizadores encargados de impartir os obradoiros.

Curtas documentais
Neste encontro de clausura, unha decena de alumnos de 1º de ESO do IES Manuel Murguía de Arteixo presentaron ‘Voces dunha paisaxe’, unha curtametraxe documental sobre o desenvolvemento urbanístico e industrial do seu concello e o seu impacto tanto na natureza, como nos seus habitantes. Contaron para esta peza co apoio dos seus profesores e do cineasta Marcos Flórez, coautor do proxecto colectivo ‘Volontè’.

Pola súa banda, Jaione Camborda –gañadora dun Mestre Mateo en 2015 como guionista de ‘Os fenómenos’ xunto a Alfonso Zarauza– traballou cos 28 alumnos de 5º e 6º de primaria do CEIP San Xoán de Becerreá, que rodaron xuntn aos seus titores ‘O acordar’. Nesta curta, fan un retrato das paisaxes e modos de vida nos Ancares, reflectindo o paso do inverno á primavera, os seus silencios e os seus sons.

Ángel Santos, realizador de ‘As altas presións’ e director artístico do festival Novos Cinemas, foi o titor nas rodaxes das pezas gravadas por 25 alumnos de 6º de primaria do CEIP A Rúa de Cangas (‘Paso a paso’) e por 17 de 4º da ESO do IES Manuel Chamoso Lamas do Carballiño (‘Sons no camiño’).

Primeira peza de ficción do programa
‘Paso a paso’ é, ademais, a primeira peza de ficción da sección galega deste programa pedagóxico, ata o de agora dedicado exclusivamente no documental. A curtametraxe céntrase nos diferentes estados emocionais da protagonista. No caso do filme ‘Sons no camiño’, retrátanse a xeito de documental algunhas das aldeas do Val de Varón. Os alumnos abordan o forte proceso de despoboamento desta zona a través das historias dos seus antigos habitantes, que se mesturan aquí cos novos sons que poboan os seus camiños.

Visionado, reflexión e rodaxe
‘Cinema en curso’ é un programa pedagóxico de cine sobre o cine, que segue unha metodoloxía de traballo que botou a andar hai 11 anos en Cataluña da man da asociación A Bao A Qu e que agora é xa unha experiencia internacional da que tamén forman parte entidades de Madrid, Arxentina e Chile, ademais de Galicia. A través dela, os alumnos descobren a sétima arte co visionado e reflexión sobre películas de todas as épocas e culturas, ao tempo que lles dedican os últimos meses á escrita do guión, planificación, rodaxe e montaxe das súas propias fitas.

O ano pasado, o Ministerio de Educación, Cultura e Deporte recoñeceu o traballo realizado por dous centros galegos no marco desta iniciativa –o CEIP A Rúa de Cangas e o IES Plurilingüe Fontem Albei da Fonsagrada– con dous dos catro premios Alfabetización Audiovisual do curso 2014-2015. ‘Unha viaxe no tempo’ e ‘A Fonsa... Acción!’ son os títulos dos dous proxectos galardoados, que incluían as películas documentais realizadas polos alumnos de ‘Cinema en curso’.
 

Comparte