Nova: O Museo do Mar de Galicia acolle unha xornada do Proxecto Estrímnides

16/06/2016

O Museo do Mar de Galicia acolle unha xornada do Proxecto Estrímnides

Este curso é o colofón a unha semana de actividade en Galicia dos profesionais deste proxecto

Estrímnides está conformado por diversos investigadores da Universidade de Sevilla, da USC e do CESGA e aborda os vínculos entre Galicia e o Mediterráneo na antigüidade
 

  •  O auditorio do Museo do Mar de Galicia foi o lugar elixido para desenvolver hoxe unha xornada de traballo do Proxecto Estrímnides O auditorio do Museo do Mar de Galicia foi o lugar elixido para desenvolver hoxe unha xornada de traballo do Proxecto Estrímnides
  •  O auditorio do Museo do Mar de Galicia foi o lugar elixido para desenvolver hoxe unha xornada de traballo do Proxecto Estrímnides O auditorio do Museo do Mar de Galicia foi o lugar elixido para desenvolver hoxe unha xornada de traballo do Proxecto Estrímnides

Santiago, 16 de xuño de 2016.- O auditorio do Museo do Mar de Galicia foi o lugar elixido para desenvolver hoxe unha xornada de traballo do Proxecto Estrímnides, financiado polo Ministerio de Economía y Competitividad e que ten por obxecto investigar as relacións comerciais que as comunidades do noroeste mantiveron con pobos do sur da Península Ibérica e o Mediterráneo en Xeral. No devandito curso presentáronse os obxectivos deste plan á comunidade arqueolóxica galega.

En concreto, investigadores da Universidade de Santiago de Compostela, a Universidade de Sevilla e o Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA) expuxeron no centro de Alcabre e perante parte da comunidade arqueolóxica da nosa terra o estado actual de coñecemento dos materiais de orixe mediterráneo atopados en Galicia ao longo do primeiro milenio antes de Cristo.

O programa da xornada incluíu catro ponencias e unha mesa redonda de clausura. Eduardo Ferrer Albelda, Josefa Rey Castiñeira, Javier Rodríguez Corral e Juan Naveiro López impartiron a conferencia inaugural ‘A ruta das Estrimnídes. Presentación e obxectivos dun proxecto de investigación’. Continuou Francisco José García Fernández cunha disertación sobre o comercio atlántico, os principais produtos e redes de distribución no caso do val do Guadalquivir. Ao remate, foi a quenda de Antonio Sáez Romero, que abordou as conexións comerciais, especialmente no eido cerámico, entre a baía de Cádiz e o noroeste de Iberia na II Idade de Ferro. A xornada concluíu cunha mesa redonda aberta á participación do público asistente.

Semana de actividades
Durante esta semana diversos investigadores sevillanos realizaron a súa primeira estadía de traballo en Galicia para avanzar no estudo dos materiais arqueolóxicos de procedencia mediterránea recuperados en castros galegos. Entre as actividades que tiveron lugar cómpre destacar a visita a arqueoteca da Universidade de Santiago de Compostela, o Museo do Mar de Galicia, o Museo de Pontevedra e o Museo de San Antón en Coruña.

Oferta cinematográfica
Este sábado ás 17:00 h. no mesmo auditorio do Museo do Mar de Galicia estrearase a curta documental ‘Los Guardianes de la Ría-Fareros’ de Xandro Barberena. Logo da proxección da fita haberá unha charla-coloquio con José Antonio Mera, fareiro xubilado e protagonista da curta, e Fernando Rey, fotógrafo e colaborador das escenas gravadas na Illa de Sálvora. A entrada será gratuíta até completar aforo.
 

Comparte