Nova: Ribeira celebra a súa segunda Feira do Libro
20/06/2016
Ribeira celebra a súa segunda Feira do Libro
A praza do concello acolle do 23 ao 26 de xuño diversas actividades para dinamizar o libro e a lectura
A Federación de Librarías de Galicia e a Secretaría Xeral de Cultura promoven estas accións
Ribeira (A Coruña), 20 de xuño de 2016.- As Feiras do Libro de Galicia 2016 realizan a súa próxima parada no municipio coruñés de Ribeira. Desde o 23 e ata o 26 de xuño, a praza do concello será o escenario desta nova cita co libro e coa lectura, promovida pola Federación de Librarías de Galicia en colaboración coa Consellería de Cultura e Educación, e que conta en Ribeira co apoio do Concello da Deputación Provincial da Coruña.
O programa da feira foi presentado en rolda de prensa polo alcalde do municipio, Manuel Ruiz; polo vicepresidente da Federación de Librarías de Galicia, Xosé Antón Pedreira; e polo secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, quen destacou o esforzo que se vén realizando nos últimos anos para converter estes encontros en espazos dinámicos, cunha oferta de actividades diversa para lles achegar as novidades editoriais a todos os públicos.
Propostas arredor do libro e da lectura
Con este obxectivo, canda á venda de obras, as Feiras do Libro de Galicia ofrecen obradoiros, sesións de contacontos, sinatura e presentacións de libros cos seus autores e autoras, coloquios etc. para favorecer a participación cidadá nestes eventos e fomentar a lectura a través de diferentes formatos.
A programación en Ribeira dará comezo o xoves 23 co obradoiro interactivo Emoción-Arte, ás 18:00 horas, seguido da charla-coloquio de Xosé Manuel Lobato sobre a súa obra ‘Elos de cinza’ (Ézaro Ediciones). Previamente, pola mañá, o actor e director Quico Cadaval será o encargado de ler o pregón inaugural, co acompañamento musical do grupo de baile e música tradicionais Tahúme.
Esta segunda edición da feira, que abrirá en horario de 12:00 a 14:00 horas (as fins de semana e festivos prolóngase ata as 14:30 horas) e de 18:30 a 22:30 horas, contará coa participación de Ler Librerías, A Pobra do Caramiñal, Libraría Aenea, Librería Arigató, Libraría Cartabón, Librería Pedreira e Editorial Planeta.
Calendario das Feiras do Libro de Galicia 2016
A Federación de Librarías de Galicia e a Secretaría Xeral de Cultura promoven as Feiras do Libro de Galicia para favorecer o comercio editorial e a dinamización da lectura, cun calendario que este ano deu comezo o pasado mes de abril en Pontevedra e que proseguiu por Ferrol, O Porriño, Lugo, Ourense e Redondela.
As próximas paradas serán en Vigo (do 1 ao 10 de xullo), en Rianxo (do 21 ao 24 de xullo), na Coruña (do 1 ata o día 10 de agosto), en Viveiro (do día 12 ao 15 de agosto); en Foz (do 18 ao 21 de agosto); e, finalmente, en Monforte de Lemos (do día 24 ao 27 de agosto).