Nova: Do Audible leva a Vigo un dos grupos de música contemporánea máis prestixiosos

22/06/2016

Do Audible leva a Vigo un dos grupos de música contemporánea máis prestixiosos

A agrupación suíza UMS’n JIP achegarase ás estéticas operísticas no concerto que ofrecerá hoxe no Espacio Sirvent

Diferentes disciplinas da arte e do pensamento dialogan neste ciclo promovido pola Consellería de Cultura e Educación en colaboración con Vertixe Sonora, para achegar o público ás expresións culturais contemporáneas

Santiago, 22 de xuño de 2016.- A nova sesión do ciclo Do Audible chega hoxe a Vigo co programa ‘Sete derradeiras comidas’, que terá como protagonista a agrupación suíza UMS’n JIP, unha das formacións de música contemporánea máis activas e experimentadas da escena internacional. A agrupación convidada da cuarta edición deste ciclo promovido pola Secretaría Xeral de Cultura, en colaboración con Vertixe Sonora Ensemble, actuará hoxe mércores, ás 20:30 horas, no Espacio Sirvent, onde ofrecerá un concerto gratuíto arredor da ópera, cunha visión que bota man de medios acústicos, electrónicos e dixitais.

Logo da sesión inaugural do pasado 7 de xuño en Ourense, centrada no papel da muller na creación musical, Do Audible continúa esta semana o seu percorrido polas catro provincias cunha programación que inclúe catro concertos de formatos singulares para achegar o público as expresións culturais contemporáneas e que conta coa complicidade de diferentes entidades internacionais.

Neste caso, o grupo suízo UMS’n JIP presenta unha formación para frauta barroca, coa voz de Javier Hagen, o director dunha formación que destaca pola súa exploración sobre novas configuracións musicais e escénicas para voz, frauta e electrónica.

O teatro e os seus límites
Diferentes disciplinas da arte e do pensamento, que se dispoñen en diálogo coa creación musical, configuran o ciclo Do Audible, que continuará a súa programación o próximo 21 de setembro no Museo de Arte Contemporánea da Coruñam coa sesión 'Microteatro psicopático'. As posibilidades de reinventar a ópera e o teatro revélanse nesta proposta baixo a dirección dun nome singular do teatro español como é Carlos Álvarez-Ossorio, cun espectáculo en estrea absoluta no que actor e músicos están ao mesmo nivel en escena. A sesión tamén contará co compositor, pianista e artista interdisciplinario Óscar Carmona.

Filosofía e música, dous discursos paralelos
Remover tanto o concepto de espazo como o de espectáculo convencional está no cerne de 'Turbulencias ou a idea de espazo', a proposta que pechará o ciclo o 4 de outubro na Facultade de Belas Artes de Pontevedra. Este último programa, que desenvolve dous discursos paralelos, filosofía e música, e, con diferentes obras para instrumentos de vento –da autoría de Edgar Varèse, Richard Barrett, Gerald Eckert e Luc Döbereiner–, aborda o concepto do espazo na composición.

Todas as sesións de Do Audible son ás 20:30 horas e de acceso gratuíto, ata completar a capacidade. Os concertos corren a cargo de Vertixe Sonora Ensemble, unha formación integrada por destacados solistas de música contemporánea de Galicia e de Portugal, que conxuga artistas sonoros, artistas plásticos, músicos de jazz, intérpretes clásicos e xente do teatro e da danza.

Experiencias novidosas para gozar da creación contemporánea
Con este ciclo, a Secretaría Xeral de Cultura e Vertixe Sonora procuran o achegamento do público xeral á música e ás expresións contemporáneas, con experiencias novidosas en distintos puntos de Galicia. Cada concerto organízase arredor dun foco temático e interactúa coa palabra cómplice de relevantes personalidades do mundo da cultura, na procura de achegar puntos de encontro entre a música, a ciencia, a arte e o pensamento contemporáneos.

A edición deste ano do ciclo Do Audible conta coas colaboracións da Universidade de Vigo, de Gas Natural Fenosa, do Concello de Pontevedra, de Pro Helvetia, de Kulturrat des Kantons Wallis, de Berliner Senatskanzlei Kulturelle Angelegenheiten e do Instituto Goethe.

Comparte