Nova: O CGAI pecha a súa carteleira 2015-2016 cunha retrospectiva de Abderrahmane Sissako

22/06/2016

O CGAI pecha a súa carteleira 2015-2016 cunha retrospectiva de Abderrahmane Sissako

O ciclo arranca con ‘Timbuktú’, filme candidato ao Oscar á mellor película en fala non inglesa, e inclúe as súas outras tres longametraxes e varias das súas primeiras mediametraxes

O Centro Galego de Artes da Imaxe colabora con Cinenómada-Festival de Cine Africano para abordar a que está considerada como unha das filmografías máis singulares do panorama internacional

A Coruña, 22 de xuño de 2016.- O Centro Galego de Artes da Imaxe (CGAI-Filmoteca de Galicia) da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria entra na recta final da súa programación 2015-2016 cun ciclo dedicado ao cineasta de orixe mauritana Abderrahmane Sissako. Nesta escolma de sete títulos, que se proxectarán entre hoxe e o vindeiro día 30, figuran tanto as súas catro longametraxes como tres das súas primeiras mediometraxes que, segundo a crítica, constitúen unha das filmografías máis estimulantes e singulares do actual panorama cinematográfico.

‘Timbuktú’ é un dos seus filmes máis coñecidos e a película coa que arranca hoxe, ás 20.30 horas, esta última retrospectiva da temporada na filmoteca galega para a que se conta coa colaboración de Cinenómada, o festival de cine africano que acaba de celebrar a súa décimo terceira edición nas súas sedes de Tarifa e Tánxer. A fita, unha coprodución franco-mauritana, é unha denuncia da intolerancia relixiosa que obtivo en 2014 sete premios César do cine francés, ademais de ser candidata ao Oscar e ao BAFTA á mellor película en fala non inglesa.

Sesións dobres
O ciclo continuará o xoves 23 cun primeiro pase ás 18.00 horas das mediametraxes ‘Le jeu’, ‘Octobre’ e ‘Sabriya’, e outro ás 20.30 horas coa proxección de ‘La vie sur terre’. A semana que vén exhibiranse en sesión dobre (18.00 e 20.30 horas) ‘Heremakono (En attendant le bonheur)’ o martes 29 e ‘Bamako’ o mércores 30.

Nado en Kifa (Mauritania) en 1961, Sissako emigrou coa súa familia a Mali, o país do seu pai, onde permaneceu ata os 19 anos. Tras estudar no Instituto Federal Estatal de Cine de Moscova, instalouse en Francia para comezar a súa traxectoria profesional. Tanto o festival de Berlín como o de Cannes contaron con el para formar parte dos seus xurados en 2003 e 2007, respectivamente.

Comparte