Nova: A Cidade da Cultura pon en marcha Blindwiki, un obradoiro de artista dirixido a persoas con diversidade visual

22/06/2016

A Cidade da Cultura pon en marcha Blindwiki, un obradoiro de artista dirixido a persoas con diversidade visual

BlindWiki convida ás persoas cegas ou con problemas de visión a compartir a través da arte as experiencias e dificultades que atopan na súa vida cotiá, conformando un mapa sonoro das rúas de Compostela

Tras pasar por Roma, Sidney ou a Bienal de Berlín, a iniciativa chega a Compostela grazas á colaboración de dúas empresas do Centro de Emprendemento do Gaiás: 7HCoop e Offmuseum

O obradoiro terá lugar do 12 ao 16 de xullo con entrada de balde previa inscrición

Santiago, 22 de xuño de 2016.- A Cidade da Cultura de Galicia pon en marcha do 12 ao 16 de xullo a actividade BlindWiki, mapeando o invisible, un taller de artista co creador visual Antoni Abad dirixido a persoas con diversidade visual. A iniciativa, que parte do Centro de Emprendemento do Gaiás, busca animar ás persoas cegas ou con problemas de visión a compartir, a través da arte, as experiencias e dificultades que atopan na súa vida cotiá.

BlindWiki non pretende ser unha listaxe de barreiras á accesibilidade, senón ser un repositorio de historias creadas colectivamente, deseñadas para proporcionar unha perspectiva da paisaxe urbana tal e como a experimentan a diario os invidentes e as persoas con visibilidade reducida.

Así, durante o obradoiro, organizaranse excursións de mapeado en grupo pola Cidade da Cultura e as rúas de Compostela, onde os participantes rexistrarán gravacións de audio xeolocalizadas. O mapa sonoro resultante da experiencia será accesible tanto desde os teléfonos móbiles mediante a app blind.wiki, como na web do obradoiro.

BlindWiki está dirixido a persoas con diversidade visual, necesariamente familiarizadas co uso dos dispositivos móbiles. A Cidade da Cultura dispón dun total de 15 prazas e a actividade é de balde previa inscrición mandando os datos persoais aos mails 7hcoop@7hcoop.es ou ask@offmuseum.com. Os participantes que así o desexen poden participar cun acompañante.

Presente en Roma, Sidney e a Bienal de Berlín
O artista visual Antoni Abad iniciou o proxecto BlindWiki na Academia de España en Roma durante o 2015 e aspira a converterse nunha rede internacional onde persoas con problemas de visión compartan e comparen o grao de accesibilidade de distintas cidades á vez que crean unha cartografía pública sensorial da que poida beneficiarse non só o propio colectivo, senón tamén o resto da sociedade.

Tras o seu paso por Roma, BlindWiki levouse a cabo no Fetival Art&About de Sidney tamén en 2015, e xa en 2016 na 9ª Bienal de Berlín, na Capitalidad Cultural Europea de Wroclaw en Polonia e no Espai d’arte contemporani de Castelló.

BlindWiki chega agora á Cidade da Cultura froito da colaboración de dúas empresas culturais situadas no Centro de Emprendemento do Gaiás: 7HCoop e Offmuseum.

Antoni Abad, premiado pola Generalitat
Antoni Abad (Lleida, 1956). Premio Nacional das Artes Visuais da Generalitat de Cataluña e Premio Golden Nica Dixital Communities do Prix Ars Electronica en Linz, Austria. Participou nas bienais de Venecia e Iberoamericana de Lima en 1999, Sevilla en 2004 e 2008 e Mercosul Porto Alegre en 2009.

Entre 2004 e 2014 centra a súa actividade na realización de proxectos de comunicación audiovisual e internet, a partir do uso de teléfonos móbiles por parte de grupos en risco de exclusión en Europa, América e norte de África, que foron participantes activos destas experiencias, publicando día a día as súas propias crónicas audiovisuais en www.megafone.net. No outono de 2014 inicia na Real Academia de España en Roma o proxecto BlindWiki, no que está a traballar na actualidade.

Comparte