Nova: Neiras Vilas recompila en ‘Epistolario diverso’ preto de 200 misivas que recibiu desde todo o mundo e con Galicia como arela común
22/07/2014
Neiras Vilas recompila en ‘Epistolario diverso’ preto de 200 misivas que recibiu desde todo o mundo e con Galicia como arela común
A publicación recolle o latexar do mundo galego de onte e de hoxe e constitúe un documento de inestimable valor para coñecer o ir e vir de Galicia
Santiago de Compostela, 22 de xullo de 2014.- A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria acompañou este serán ao escritor e académico da lingua galega Xosé Neira Vilas na presentación da súa última obra, Epistolario diverso (Edicións Embora), que recompila 179 cartas recibidas por el ao longo de motios anos desde diferentes puntos do plantea e que teñen como arela comñun Galicia. No acto participou o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García.
As misivas enviáronse desde Galicia, Alemaña, Bulgaria, Francia, Italia, Estados Unidos, República Checa, Finlandia, Brasil, Suecia, Polonia ou Xapón. En todas elas abórdase Galicia, desde os puntos de vista histórico, social, filolóxico, xeográfico, político, literario, antropolóxico etc. Todo o latexar do mundo galego de onte e de hoxe que constitúe un documento de inestimable valor para coñecer o ir e vir de Galicia e as inquedanzas de moitos galegos e incluso de moitas personalidades de fóra vencelladas ao noso país.
Neira Vilas residiu 43 anos en países de América mantendo de xeito permanente un activismo cultural galego. Viviu “sempre en Galicia”, falando, escribindo, mobilizando vontades, creando editoriais e difundindo o libro galego en todo o continente. Investigou durante moitos anos a presenza galega no Novo Mundo e como resultado publicou 18 libros e centos de artigos. Paralelamente e motivado polo mesmo afán mantivo correspondencia con personalidades galegas de ambas orelas do Atlántico e con moitas outras persoas (profesores, historiadores etc.) do resto do mundo.
Xosé Neira Vilas
Xosé Neira Vilas (Gres-Vila de Cruces, 1928) é membro numerario da Real Academia Galega, Doutor Honoris Causa polas universidades da Coruña e da Habana e Fillo predilecto do Concello de Vila de Cruces. Entre outros galardóns recibiu a Medalla Castelao, o Premio Laxeiro, o Pedrón de Honra, o Premio Trasalba, o Premio da Crítica Española (novela en galego) e da Crítica Galega (ensaio). É, sen dúbida, un dos escritores clásicos da literatura galega na que destaca como autor inaugural da nosa literatura infantil e xuvenil coa obra Memorias dun neno labrego (a máis vendida e traducida do sistema literario galego).
Residiu 43 anos en América, primeiro en Bos Aires (de 1949 a 1961), onde estudou xornalismo e creou coa súa esposa, Anisia Miranda, a editorial e distribuidora continental do libro galego Follas Novas; e despois na Habana (de 1961 a 1992), onde fundou e dirixiu durante 22 anos a Sección Galega do Instituto de Literatura e Lingüística, se especializou en xornalismo literario e exerceu de redactor xefe da revista infantil “Zunzún”. Regresou a Galicia no ano 1992 para vivir na súa casa natal de Gres, onde se localiza a Fundación que leva o seu nome e desde a que desenvolve aínda na actualidade un importante labor de dinamización cultural e lingüística.
É autor de máis de 50 obras, colaborador de prensa, impulsor de múltiples actividades culturais e escritor activo que segue a ter Galicia e a súa lingua e cultura propias como eixe motivador de todo o seu quefacer literario.
O pasado 26 de xuño, o xurado do Premio Otero Pedrayo, que ten como finalidade perpetuar e honrar a memoria de persoas egrexias no campo das letras e do coñecemento e a súa contribución á cultura galega, acordou por unanimidade outorgarlle a Neira Vilas este galardón por ser “unha das figuras máis importantes das letras galegas actuais e por todo o traballo feito a prol da nosa cultura, por conseguir durante toda a súa vida levar a nos cultura e tradición por todo o mundo e por unir xeracións durante anos arredor da nosa historia, lingua e características propias”.