Nova: O CGAC revisa os seus fondos nunha mostra en diálogo con outras coleccións

30/06/2016

O CGAC revisa os seus fondos nunha mostra en diálogo con outras coleccións

Reler a colección é o novo programa expositivo do Centro Galego de Arte Contemporánea 

Baséase en tres mostras diferentes: “Ensaio visual”, “Louise Bourgeois” e“Estado de excepción”, que poderán visitarse ata principios de outubro

Santiago, 30 de xuño de 2016.- O Centro Galego de Arte Contemporánea acolle o seu novo programa expositivo “Reler a colección”, que se fundamenta principalmente na revisión e contextualización da propia colección do Centro coa incorporación de diálogos cruzados con outras coleccións, tanto públicas como privadas, vinculadas co museo ou con Galicia, ben a través de coproducións de exposicións temporais (CAAC de Sevilla e MUN de Pamplona) ou como a conexión especial mantida coa Colección ARCO e a súa sede actual o CA2M de Móstoles.

Esta nova proposta expositiva, que quedará aberto ao público a partires das 20,00 horas de hoxe, foi presentado esta mañá polo director do CGAC e comisario da mostra, Santiago Olmo, que estivo acompañado dos artistas galegos Misha Bies Golas e Manuel Eirís, e a vasca Yolanda Herranz.

O programa “Reler a colección” inclúe tres mostras diferentes: “Ensaio visual”, “Louise Bourgeois” e“Estado de excepción”, que poderán visitarse ata principios de outubro.

Ensaio visual

Na planta baixa e espazo de proxectos e hall do CGAC exponse “Ensaio visual”, que toma como tema central a emblemática obra de Sukurov, pertencente a propia colección. Poderanse ver obras de de artistas internacionais tan importantes como as de Mona Hatoum, Liam Gillick ou Pedro Croft así como tamén, as de artistas galegos como Misha Bies Golas ou Manuel Eirís.

Dado que o CGAC posúe unha das coleccións de vídeo máis interesantes dos museos públicos de España, incrementada con numerosas adquisicións relacionadas coa cinematografía e a imaxe o longo dos anos, a exposición inclúe tamén a instalación, no Espazo de Proxectos, dunha selección de vídeos estruturados temática e cronoloxicamente, que se exhibirán de xeito continuo.

Louise Bourgeois. Cell

Esta exposición, formúlase como un caso de estudo sobre o coleccionismo institucional en España. A finais da década dos noventa, a adquisición por parte do Centro Andaluz de Arte Contemporánea(CAAC) dunha peza da artista franco-norteamericana Louise Bourgeois, tivo como consecuencia un acendido debate na prensa do medio artístico andaluz que consideraba desproporcionado o prezo pagado pola obra, 100 millóns de pesetas. Ao cabo de poucos anos, a obra incrementou o seu prezo de xeito exponencial, vindo a constituír hoxe, un exemplo único e visionario de coleccionismo no panorama museístico español.

Estado de excepción

A través do traballo de diversos artistas, presentes na colección CGAC, proponse unha visión crítica, difícil e incómoda do momento actual no que o medo, o terrorismo, os exilios e as emigracións, as guerras e as súas memorias ameazan a permanencia e fortalecemento, dunha sociedade aberta, garantista e democrática.

A partir da obra de Johan Grimonprez, Dial H-I-S-T-O-R-Y, baseada na historia dos secuestros aéreos desde os anos sesenta e setenta, a exposición trata de abordar as problemáticas da historia máis recente, como o impacto do 11S (Thomas Ruff), a discusión acerca dos dereitos humanos e o seu incumprimento (Thomas Locher), a implosión bélica do Oriente Medio no espazo Siria-Líbano (Walid Raad, Jaycer Salloum, Valentín Vallhonrat), o impacto da emigración, muros e valos de protección, e a integración da inmigración (Xabier Ribas, Eskö Mánnikkö) así como a protección da nosa civilización representada por escritores e filósofos (Ana Teresa Ortega). A exposición propón ademais unha serie de vídeos documentais, así coma unha pequena biblioteca de acceso directo en salas que permitirá consultar unha bibliografía imprescindible para comprender os retos políticos do noso presente.

Actividades relacionadas

Están programadas conversas con dous dos artistas galegos que expoñen obra na mostra “Reler a colección”. Así, o día 12 de xullo ás 19:00h terá lugar a Conversa de Jorge Varela e Manuel Figueiras co artista Misha Bies Golas. O 13 de xullo ás 19:00h  haberá unha Conversa de Ángel Calvo co artista Manuel Eirís 

Comparte