Nova: As novidades editoriais, na Porta do Sol de Vigo
01/07/2016
As novidades editoriais, na Porta do Sol de Vigo
As Feiras do Libro de Galicia 2016 chegan a Vigo tras o seu percorrido polas catro provincias galegas
O delegado da Xunta en Vigo, Ignacio López-Chaves, participou na presentación desta 42º edición na Casa da Cultura Galega
Vigo, 1 de xullo de 2016.- As Ferias do Libro de Galicia 2016 chegan a Vigo, tras o seu percorrido polas catro provincias, iniciado o pasado mes de abril en Pontevedra. Tras as últimas feiras en Riveira e Redondela, é a quenda de vigo, que acollerá eseta cita co libro e coa lectura "na rúa" e que se desenvolverá desde hoxe, 1 de xullo, ata o próximo 10 de xullo na súa ubicación na Porta do Sol.
O delegado territorial da Xunta en Vigo, Ignacio López-Chaves, asistiu á presentación da 42º Feira do Libro Novo de Vigo na Casa Galega da Cultura. Trátase dunha iniciativa promovida pola Federación de Librarías de Galicia en colaboración coa Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, ademais de contar tamén co apoio das administracións locais.
Desde a Xunta de Galicia amosouse o apoio a esta celebración colectiva que conta coa “implicación imprescindible” dos libreiros e libreiras da cidade, que converterán a Vigo nunha fiestra aberta á produción editorial máis recente. “É fundamental a presenza e visualización dos libros na rúa co único obxectivo de incrementar os índices de lectura”, considerou López-Chaves, quen insistiu na importancia de “fomentar os hábitos de lectura” entre os máis xoves. Con todo, agradeceu a implicación da Federación e da Agrupación de Libreiros de Vigo, representada hoxe na figura de Xurxo Patiño.
Nos últimos anos, coma matizou, as Feiras do Libro veñen realizando un esforzo importante por se converteren en espazos dinámicos, “cunha oferta de actividades complementaria” coa que convidar a todos os públicos a se achegar á novas publicacións e á lectura. Por iso, ademais da venda de obras, a Feira do Libro programa tamén obradoiros, sesións de contacontos, sinatura e presentacións de libros cos seus autores e autoras, coloquios, etc. para favorecer a participación cidadá nestes eventos e fomentar a lectura a través de diferentes formatos.
Na edición de 2015 foron preto de 300 as actividades que se desenvolveron arredor das feiras e este ano seguen apostando por reforzar unha programación que, en Vigo, contará coa colaboración de 11 librarías e dúas bibliotecas municipais, a de Juan Compañel (Central) e a de Neira Vilas.