Nova: A Feira do Libro de Vigo converte a Porta do Sol nun espazo para a palabra

01/07/2016

A Feira do Libro de Vigo converte a Porta do Sol nun espazo para a palabra

Recoñecidos escritores e escritoras participarán desde hoxe e ata o 10 de xullo nesta cita promovida pola Federación de Librarías de Galicia e pola Consellería de Cultura e Educación

Vigo, 1 de xullo de 2016.- A cuadraxésimo segunda edición da Feira do Libro de Vigo abriu hoxe as súas portas para lle ofrecer á cidadanía, ata o vindeiro 10 de xullo, “un lugar de encontro, de vivencia cultural, de descuberta, de curiosidade, de pensamento, de aprendizaxe e, naturalmente, de pracer arredor da palabra e dos libros”.

Así o asegurou o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, no acto de inauguración da feira, que este ano está instalada na Porta do Sol. Segundo explicou, “esta cita será unha oportunidade magnífica para compartir conversa, paseo e lecturas entre os veciños e veciñas e visitantes, coa participación de recoñecidos autores e autoras”, como Pedro Feijoo, Fran Alonso, Inma López Silva, María Reimóndez e Antonio García Teijeiro, que foi o encargado de ler o pregón. “Voces todas elas –precisou– que gañaron o seu espazo protagonista entre os lectores e lectoras de hoxe por méritos propios, por facer boa literatura, por saber tocar nos intereses da sociedade do noso tempo”.

Actividades para todos os públicos

Durante 10 días, a cuadraxésimo segunda edición da Feira do Libro de Vigo, ademais de dar a coñecer a produción editorial máis recente, contará cunha ampla programación de actividades para todos os públicos. Presentacións e sinaturas de libros, obradoiros, contacontos, actividades de maxia e coloquios son algunhas das propostas que se desenvolverán na feira, en horario de 11:00 a 14:00 horas e de 17:30 a 22:00 horas.

A Federación de Librarías de Galicia e a Consellería de Cultura e Educación, a través da Secretaría Xeral de Cultura, promoven as Feiras do Libro de Galicia para favorecer o comercio editorial e a dinamización da lectura, cun calendario que este ano deu comezo o pasado mes de abril en Pontevedra e que proseguiu por Ferrol, O Porriño, Lugo, Ourense, Redondela e Ribeira.

Próximas feiras

As próximas paradas das feiras serán nos concellos de Rianxo (do 21 ao 24 de xullo), na Coruña (do 1 ata o día 10 de agosto), en Viveiro (do día 12 ao 15 de agosto); en Foz (do 18 ao 21 de agosto); e, finalmente, en Monforte de Lemos (do día 24 ao 27 de agosto), onde porán fin ao seu percorrido polas catro provincias galegas.
 

Comparte