Nova: Os pioneiros da abstracción, protagonistas da nova mostra da Casa da Parra
01/07/2016
Os pioneiros da abstracción, protagonistas da nova mostra da Casa da Parra
Obras dos artistas coruñeses Molezún, Mampaso, Labra e Caruncho poden verse ata o 18 de setembro na capital de Galicia
Santiago, 1 de xullo de 2016.- A Casa da Parra, en Santiago, acolle ata o vindeiro 18 de setembro unha mostra sobre os inicios do movemento abstracto de vangarda en Galicia, representado nas obras dos artistas Manuel Molezún, Manuel Mampaso, José María de Labra e Luis Caruncho nas décadas dos 50 e dos 60.
Baixo o título “Impulsores do movemento abstracto 1950-1970. Molezún, Mampaso, Labra e Caruncho”, a exposición foi inaugurada hoxe polo conselleiro de Cultura e Educación, Román Rodríguez, que estivo acompañado do secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo.
Con esta instalación, a Casa da Parra reafírmase como centro de difusión das nosas vangardas artísticas e ábrese de maneira permanente ás correntes europeas no seu sentido máis amplo, artístico e mesmo espiritual.
Segundo Román Rodríguez, estamos ante “unha nova mostra da potencia creativa de Galicia”, a través de catro grandes mestres nunhas décadas de transformación decisiva dos códigos, non soamente no eido da plástica, senón das formas de comprender a sociedade as novas claves que daban os tempos, na procura de formas distintas de descubrir as capacidades humanas, no senso máis amplo.
O conselleiro destacou que estes artistas, expoñentes da renovación artística galega e de sólida presenza no plano internacional, caracterízanse por unha serie de nexos comúns como o feito de ser coetáneos, nacidos todos eles na cidade da Coruña, e asentarse posteriormente en Madrid. Pero destacan, sobre todo, polo seu alto nivel formativo, o seu espírito cosmopolita e por converterse en precursores de novas formas de expresión a mediados do pasado século.