Nova: O I Festival de Bandas Infantís e Xuvenís de Galicia reunirá 500 músicos mozos no Gaiás
05/07/2016
O I Festival de Bandas Infantís e Xuvenís de Galicia reunirá 500 músicos mozos no Gaiás
Desenvolverase este domingo 10 de xullo e contará coa participación de 11 agrupacións xuvenís doutros tantos concellos
Todos os instrumentistas volverán atoparse en setembro no albergue de Gandarío, grazas ao apoio prestado pola Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado
Santiago, 5 de xullo de 2016.- A Cidade da Cultura de Galicia acollerá este domingo 10 de xullo o I Festival de Bandas Infantís e Xuvenís, un novo encontro musical no que participarán preto de 500 mozos e mozas instrumentistas procedentes de 11 agrupacións musicais galegas, co dobre obxectivo de avanzar na súa formación e de amosar o seu traballo ao público.
A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, a través da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) e a Federación Galega de Bandas de Música Populares (FGBMP) asinaron hoxe o convenio de colaboración entre ambas as dúas entidades para organizar o evento que se incorpora, deste xeito, ao marco de cooperación continuada da Xunta de Galicia cara a este colectivo, no que figura xa o apoio a outras actividades, como o certame ou o concurso de composición anuais.
Como explicou no acto de presentación o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, nesta ocasión, a iniciativa céntrase na posta en valor do labor dos músicos de formacións infantís de xuvenís, coas finalidades de mellorar a visibilidade destas agrupacións, fomentar o encontro entre novos intérpretes, establecer vínculos que dean lugar a futuras sinerxías entre bandas, enriquecer a formación e promover a educación na diversidade a través da canle que brinda a música como linguaxe universal.
Valor de futuro
Anxo Lorenzo e Armando Morales, presidente da FGBMP, que estiveron acompañados polo director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), Jacobo Sutil, e pola directora xerente da Fundación Cidade da Cultura, Beatriz González Loroño, coincidiron en destacar o valor de futuro do I Festival de Bandas Infantís e Xuvenís de Galicia como elemento que potenciará e incentivará, aínda máis, o traballo cotián destas formacións de músicos novos a prol do perfeccionamento e a divulgación musical.
Así, o festival, que se desenvolverá ao longo de todo o día, configúrase a xeito de xornada de convivencia entre os seus compoñentes, todos eles menores de 20 anos e procedentes das 11 bandas escollidas por sorteo entre todas as federadas que se presentaron ao proxecto. Son, en concreto, rapaces e rapazas da Banda Xuvenil Unión Musical Ponteledesma, Banda da Escola da Agrupación Musical do Rosal, Banda Xuvenil da Banda Artística de Merza, Xoven Banda de Música Municipal de Valga, Banda Xuvenil da Cultural de Teo, Banda Infantil de Narón, Banda Infantil e Xuvenil de Antas de Ulla, Banda Xuvenil Santa Cruz de Ribadulla, Banda da Escola de Música de Valladares, Sons e Soños (Rábade-Begonte-Outeiro de Rei) e Banda de Música de Visantoña.
Estancia musical en Gandarío como premio
Todas as bandas participantes, seguindo o criterio de non competitividade, resultarán premiadas por igual cunha estancia lúdico-formativa o vindeiro mes de setembro no albergue xuvenil de Gandarío (Bergondo), pertencente á rede xuvenil da Xunta de Galicia e para o que a Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado da Consellería de Política Social presta tamén a súa colaboración.
A Gandarío tamén se desprazarán docentes de recoñecido prestixio para impartir distintos cursos de formación e interpretación musical, así como os directores titulares das bandas que así o desexen. Alí levaranse a cabo exercicios en agrupación bandística, brindando deste xeito unha forma de traballo difícil de levar a cabo por cada formación no resto do ano, con ensaios por seccións (cordas ou familias de instrumentos) e ‘tuttis’, para a posterior posta en común baixo a tutela dun director artístico.
Nesta estadía, que rematará cun concerto público de clausura, farase fincapé en que tanto o tempo de ensino como o de lecer e descanso supoñan un compendio de experiencias enriquecedoras arredor dos valores fundamentais da convivencia.