Nova: A danza toma as rúas e as prazas de Ourense co Festival Corpo(a)terra
06/07/2016
A danza toma as rúas e as prazas de Ourense co Festival Corpo(a)terra
Desenvólvese do 7 ao 9 de xullo na cidade das Burgas e conta coa participación de grupos procedentes de Costa Rica, Países Baixos, Alemaña, Portugal e tamén de Galicia e do resto de España
A Agadic apoia este festival que recibiu 10.000 euros en axudas
Ourense, 6 de xullo de 2016.- Festival de Danza e Artes do Corpo de Ourense, Corpo(a)terra, presentou a programación da súa sexta edición, que se desenvolverá do 7 ao 9 de xullo coa participación de compañías procedentes de Costa Rica, Países Baixos, Alemaña, Portugal e tamén de Galicia e do resto de España.
O encontro conta co apoio, entre outras entidades, da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria. A delegada da Xunta de Galicia en Ourense, Marisol Díaz Mouteira, participou na presentación na que se detallaron as principais novidades e ofertas deste festival.
Díaz Mouteira enmarcou a colaboración con Corpo(a)terra na convocatoria anual de subvencións para festivais de artes escénicas e de música. En concreto, este festival recibe unha achega de máis de10.000 euros. Na provincia de Ourense tamén resultaron beneficiados con estas axudas o Festival Internacional de Teatro de Ourense (FITO) e o Festival de Teatro Galego do Carballiño.
Corpo(a)terra, organizada pola Asociación trasPediante Cultura, é unha iniciativa cultural que traballa na liña de saír á rúa para buscar público, ofrecer cultura en espazos atípicos e dinamizar a vida da cidade.
Durante os tres días que dura o festival varias prazas e espazos urbanos da zona vella convértense en escenario. A programación comezará mañá, día 7, a partir das 21.00 horas, na praza de Santa Eufemia co espectáculo da artista galega Clara Ferrao.