Nova: A figura e a obra de Cervantes centran a nova edición do Curso de Pensamento Carlos Gurméndez
06/07/2016
A figura e a obra de Cervantes centran a nova edición do Curso de Pensamento Carlos Gurméndez
A conferencia do ensaísta Javier Gomá Lanzón sobre o autor d’O Quixote abriu a programación, que aborda o legado do escritor desde diferentes perspectivas
O campus de Esteiro acolle ata o venres esta iniciativa promovida polo Club de Prensa de Ferrol e a Universidade da Coruña, co apoio de Cultura
Ferrol, 6 de xullo de 2016.- A figura e a obra de Miguel de Cervantes centran a décima novena edición do Curso de Pensamento Carlos Gurméndez, que comezou esta mañá no campus ferrolán de Esteiro coa conferencia do escritor e ensaísta Javier Gomá Lanzón.
Previamente, no acto de apertura, o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, referiuse ao curso como unha iniciativa consolidada e de gran valor pola súa contribución á cultura a través da reflexión e do pensamento, coa participación, cada ano, de destacados intelectuais de ámbitos diversos.
A Consellería de Cultura e Educación vén apoiando este curso promovido polo Club de Prensa de Ferrol e pola Universidade da Coruña (UDC), que este ano se presenta baixo o título de “Presenzas cervantinas” e que se desenvolve ata o vindeiro 8 de xullo. Desde hoxe e ata o venres, recoñecidos escritores, xornalistas e profesores afondarán na obra e na figura de Cervantes coincidindo co cuarto centenario do seu pasamento, unha efeméride que, segundo afirmou Anxo Lorenzo, ofrece un marco singular para revisitar o legado de Cervantes desde a investigación biográfica, o estudo literario e a análise.
O legado cervantino desde diferentes olladas
Para abordar a figura e a obra do escritor desde diferentes perspectivas, o curso estrutúrase nos bloques “Cervantes e o político”, “O legado de Cervantes”, “Lendo o texto cervantino” e “Cervantes e a imaxes”. Logo da conferencia inaugural e da intervención do profesor de filosofía da UDC e director do curso, Alberto Sucasas, a xornada contará esta tarde coa catedrática de literatura español da UDC Sagrario López e co profesor de investigación do CSIC Manuel Reyes, que falará da xustiza n’O Quixote.
“O Quixote e a filosofía española contemporánea”, “O protagonismo en tempos de Cervantes”, “Corpos de cristal. O licenciado Vidreira, unha alegoría da fraxilidade no mundo barroco” e “O humor en Erasmo e Cervantes” son os títulos dos relatorios da xornada do xoves, a cargo do profesor de filosofía na Universidade Pompeu Fabra Fernando Pérez-Borbujo, da profesora de literatura española na UDC Neves Pena, do profesor de estética na Universidade de Vigo Alberto Ruiz de Samaniego e do escritor e debuxante Siro López, respectivamente.
Finalmente, o curso pechará o venres a súa décima novena edición cunha viaxe iconográfica pola figura do Quixote, da man do escritor e xornalista Ángel Luis Sucasas; coas charlas do profesor de historia Manuel González sobre o tempo de Cervantes no cinema e do catedrático de teoría da literatura e literatura comparada da UDC José María Paz Gago sobre o Cervantes visual; e mais coa conferencia de clausura, “O cabaleiro da palabra”, a cargo do escritor Gustavo Martín Garzo.