Nova: Cultura axuda a renovar as coleccións das bibliotecas con novidades en galego

08/07/2016

Cultura axuda a renovar as coleccións das bibliotecas con novidades en galego

Un total de 149 concellos benefícianse da liña de subvencións para actualizar os fondos de 200 bibliotecas e axencias de lectura municipais de toda Galicia con títulos recentes publicados en lingua galega

Santiago, 8 de xullo de 2016.- A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria contribúe coa renovación das coleccións da Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia a través da concesión de 300.000 euros en axudas a concellos, destinadas á dotación de novidades editoriais en lingua galega.

Un total de 149 municipios das catro provincias galegas benefícianse destas axudas da Secretaría Xeral de Cultura, convocadas este ano por vez primeira a través dunha liña de subvencións, mediante as que se conceden cantidades que van desde os 667 ata os 4.740 euros, para actualizar os fondos das bibliotecas municipais con títulos recentes publicados en galego e mellorar os servizos que se lles ofrecen aos usuarios e usuarias.

Segundo a resolución publicada hoxe no ‘Diario Oficial de Galicia’, accesible en http://www.xunta.gal/dog/Publicados/2016/20160708/AnuncioG0164-290616-0003_gl.html, estas axudas repercutirán nun total de 200 bibliotecas e axencias de lectura da Rede de Bibliotecas de Galicia dos municipios de Abegondo, Ames, Aranga, Ares, Arteixo, A Baña, Bergondo, Betanzos, Boimorto, Boiro, Boqueixón, Brión, Cabana de Bergantiños, Camariñas, Cambre, Carballo, Carnota, Carral, Cedeira, Cee, Cerceda, Coirós, Corcubión, Culleredo, Dodro, Dumbría, Fene, Ferrol, Irixoa, Laxe, A Laracha, Melide, Mesía, Miño, Mugardos, Muros, Noia, Oleiros, Ordes, Oroso, Ortigueira, Outes, Paderne, Padrón, A Pobra do Caramiñal, Ponteceso, Pontedeume, As Pontes de García Rodríguez, Porto do Son, Rianxo, Ribeira, Rois, Sada, San Sadurniño, Santa Comba, Santiago de Compostela, Teo, Tordoia, Touro, Trazo, Valdoviño, Val do Dubra, Vedra, Vilasantar, Vimianzo, Zas, Cariño, Alfoz, Antas de Ulla, Bóveda, Cervo, Chantada, Foz, Xermade, Xove, Lourenzá, Lugo, Mondoñedo, Monforte de Lemos, Monterroso, Ourol, A Pobra de Brollón, Quiroga, Ribadeo, Sarria, O Saviñao, Sober, O Valadouro, O Vicedo, Vilalba, Burela, Allariz, Avión, Bande, Barbadás, Celanova, Esgos, Xinzo de Limia, Xunqueira de Ambía, Leiro, Maceda, Ourense, O Pereiro de Aguiar, A Pobra de Trives, Ribadavia, A Rúa, San Cibrao das Viñas, Verín, Vilar de Barrio, Vilar de Santos, Bueu, Caldas de Reis, Cambados, Cangas, A Cañiza, Catoira, Covelo, Cuntis, O Grove, A Guarda, Lalín, Marín, Meaño, Meis, Moaña, Mondariz-Balneario, Mos, Nigrán, Pazos de Borbén, O Porriño, Poio, Ponteareas, Ponte Caldelas, Pontecesures, Redondela, Ribadumia, Rodeiro, O Rosal, Salceda de Caselas, Salvaterra de Miño, Sanxenxo, Silleda, Soutomaior, Valga, Vilaboa, Vila de Cruces, Vilagarcía de Arousa, Vilanova de Arousa e A Illa de Arousa.

Nova plataforma para unha adquisición directa

Para a concesión das axudas desta nova liña de subvencións a concellos para a renovación de fondos bibliográficos, a Secretaría Xeral de Cultura acaba de poñer en marcha unha plataforma –accesible en https://novidadeseditoriais.xunta.gal– a través da cal as bibliotecas poden adquirir directamente as novidades editoriais en galego.

Este novo procedemento substitúe o ata agora baseado nunha compra centralizada de obras desde a Xunta de Galicia, para a súa posterior distribución nos centros integrados na Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia. Con este novo sistema, as propias bibliotecas as que realizan a adquisición das novidades –entre os títulos das editoriais galegas adheridas ao programa–, o que lles permite atender en maior medida as suxestións de compra dos seus usuarios e usuarias, e axilizar a recepción dos títulos, para que estean dispoñibles para o seu préstamo á maior brevidade.

O obxecto principal deste novo sistema é fornecer as bibliotecas públicas, dun xeito rápido e eficaz, das publicacións en galega que se editan cada ano e que permiten completar, actualizar e diversificar as coleccións bibliográficas.

Mellora das coleccións bibliográficas

Con este fin, a Secretaría Xeral de Cultura tamén destinou 160.000 euros na liña de subvencións plurianual 2015-2016 a concellos de menos de 30.000 euros para a mellora das coleccións das bibliotecas e axencias de lectura municipais, a través da dotación de novos fondos. Estas axudas, que subvencionan a adquisición de libros, de material sonoro e audiovisual, así como de recursos electrónicos, partituras e material cartográfico, favorecen a actualización, outórganlle un permanente dinamismo ao servizo das bibliotecas e dan resposta ás demandas expresadas polos usuarios.

Comparte