Nova: A Cidade da Cultura aviva a creatividade dos pequenos cos obradoiros Deseños minúsculos, valores maiúsculos

11/07/2016

A Cidade da Cultura aviva a creatividade dos pequenos cos obradoiros Deseños minúsculos, valores maiúsculos

Este martes, 12 de xullo, nenos de 7 a 11 anos aprenderán a modelar diferentes abelorios da man da deseñadora de produto Beatriz Lema

Continuará o 19 de xullo coa artesá Idoia Cuesta e finalizará o 26 de xullo coa deseñadora de moda Sara Coleman

Cada taller ten un custo de 3€ e as entradas xa poden mercarse no Museo Centro Gaiás ou ataquilla.com (+gastos de xestión)
 

  • ‘Deseños minúsculos, valores maiúsculos’ ‘Deseños minúsculos, valores maiúsculos’
  • ‘Deseños minúsculos, valores maiúsculos’ ‘Deseños minúsculos, valores maiúsculos’

Santiago, 11 de xullo de 2016.- A Cidade da Cultura de Galicia acolle os martes de xullo un laboratorio creativo co que estimular as aptitudes artísticas dos máis pequenos a través de ‘Deseños minúsculos, valores maiúsculos’.

Da man de destacados profesionais da ilustración, a artesanía, a moda e o deseño, nenos de 7 a 11 anos estimulan o seu talento creativo ao tempo que se achegan ao mundo do deseño. Tras a sesión inaugural con Carlos Arrojo, con quen aprenderon a elaborar os seus propios estampados para decorar as súas prendas; ‘Deseños minúsculos, valores maiúsculos’ contará este martes, 12 de xullo, coa deseñadora de produto Beatriz Lema. Con ela, os participantes aprenderán a utilizar a pasta de modelado, co que realizarán infinidade de botóns con elementos mariños como cunchas ou cantos rodados, pero tamén outro tipo de abelorios, cremalleiras e puntillas.

Os obradoiros creativos continuarán o 19 de xullo da man da artesá Idoia Cuesta. Nesta sesión, Idoia proporalle aos pequenos descubrir as fibras vexetais e experimentar con elas, dando lugar a diferentes formas e tamaños de peixes. Cunha base de varas de vimbio, os participantes coñecerán sinxelas prácticas de tecido para materializar as súas creacións.

A última das sesións celebrarase o 26 de xullo da man da artista e deseñadora de moda Sara Coleman. A relación entre o mar e o téxtil vertebrarán este obradoiro no que os máis pequenos modelarán formas tridimensionais a partir dun material téxtil como a lá.

Visita didáctica á mostra ‘Con-fío en Galicia’

Previamente a cada un dos obradoiros, os rapaces participan nunha visita didáctica á mostra ‘Con-fío en Galicia’ no que descobren a arte, o deseño e a creatividade que agocha a moda galega.

‘Deseños minúsculos, valores maiúsculos’ están conducidos por Lois Guillán, creador da firma Cucuducho, e contan cunha entrada individual de 3€, con posibilidade de ofertas e descontos para colectivos especiais que se poden consultar en cidadedacultura.gal. As entradas están á venda no Museo Centro Gaiás, en ataquilla.com (+gastos de xestión) e nos puntos físicos que Ataquilla dispón en varias cidades galegas.
 

Comparte