Nova: A VIII Festa Africana chega á capital de Galicia cun concerto do coro Saint Luc de Banabakintú

11/07/2016

A VIII Festa Africana chega á capital de Galicia cun concerto do coro Saint Luc de Banabakintú

O grupo de Costa de Marfil actúa no Salón Teatro

Promovida pola onegué Égueire, que leva a cabo proxectos de desenvolvemento no país africano, a actuación conta co apoio da Consellería de Cultura e Educación

Santiago, 11 de xullo de 2016.- A VIII Festa Africana chega a Santiago de Compostela coa actuación que o coro Saint Luc de Banabakintú ofrecerá mañá, ás 21:00 horas, no Salón Teatro.

Promovida pola Asociación de Cooperación Exterior Égueire, coa colaboración da Secretaría Xeral de Cultura e da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), a través do Salón Teatro, o espectáculo do grupo marfilés enmárcase nunha festa que ten como obxectivo principal o intercambio cultural e a creación de puntos de encontro que favorezan a unión e a colaboración entre os pobos. Deste xeito, a iniciativa favorece o desenvolvemento de proxectos en Costa de Marfil para axudar a mellorar as condicións do pobo deste país, do que procede a coral Saint Luc de Banabakintú.

Esta coral de Abidjan, creada en 1974, canta habitualmente nunha parroquia dun barrio popular da capital marfilesa, Adjamé, onde viven unhas 220 familias, e nos últimos anos recibiu numerosos recoñecementos no seu país de orixe.

Aproveitando a participación do grupo na VIII Festa Africana, a oenegué Égueire está a programar concertos da coral en diferentes concellos galegos, para difundir a actividade desta asociación, para dar a coñecer a realidade cultural e social de Costa de Marfil e tamén para recadar fondos a prol do desenvolvemento dos seus proxectos.

Comparte