Nova: A ruta a pé Camiño ao Gaiás permite descubrir doutro xeito o patrimonio de Compostela

12/07/2016

A ruta a pé Camiño ao Gaiás permite descubrir doutro xeito o patrimonio de Compostela

Guiada pola Fundación USC Deportiva parte da oficina de Turismo de Santiago e chega á Cidade da Cultura a través do Bosque de Galicia

Ten lugar os xoves de verán ata o 8 de setembro. A actividade é de de balde mais precisa inscrición previa en cidadedacultura.gal
 

  •  ‘Camiño ao Gaiás’ ‘Camiño ao Gaiás’
  •  ‘Camiño ao Gaiás’ ‘Camiño ao Gaiás’

Santiago, 12 de xullo de 2016.- A Consellería de Cultura convida a descubrir o patrimonio artístico e natural de Compostela ao tempo que se adquiren hábitos de vida saudables a través de ‘Camiño ao Gaiás’, roteiro guiado que ten lugar todos os xoves do verán ata o 8 de setembro.

Por sexto ano consecutivo e da man da Fundación USC Deportiva, a Cidade da Cultura ofrece a posibilidade de descubrir unha nova cara de Santiago de Compostela a través dun ruta a pé guiada e comentada. Nesta edición, os participantes poderán descubrir o rico patrimonio monumental e natural de Compostela nun roteiro apto para todos os públicos que arranca ás 16:45 horas desde o corazón da zona vella de Santiago: a oficina de Turismo de Santiago, en plena rúa do Vilar.

Tras pasar pola Rúa Nova, a Facultade de Xeografía e Historia, San Fiz de Solovio e o Mercado de Abastos, a ruta seguirá por San Pedro para adentrarse no Parque de Belvís e desembocar en Sar. Como novidade, o Camiño ao Gaiás deste ano descubriralle aos participantes a nova zona verde de Compostela: o Bosque de Galicia, o acceso natural ao Gaiás. A subida polos tres quilómetros de sendas naturais desembocará no mirador do alto do monte, onde os participantes poderán contemplar a que é, quizáis, a cara menos coñecida da cidade.

Visita á exposición ‘Con-fío en Galicia’

Unha vez na Cidade da Cultura, os participantes no roteiro serán recibidos por un dos guías do Museo Centro Gaiás e completarán o seu percorrido cunha visita guiada de balde á exposición Con-fío en Galicia.

E os que queiran ampliar un pouco máis a xornada, a partir das 21:00 horas poderán gozar na praza central da Cidade da Cultura do ‘Atardecer no Gaiás’, o ciclo de concertos e cine ao aire libre que todos os xoves, venres e sábados de xullo e agosto enchen de música o solpor compostelán.

‘Camiño ao Gaiás’ é unha actividade gratuíta mais é preciso inscribirse previamente en cidadedacultura.gal ou fundacionuscdeportiva.org. A ruta é apta para todas as persoas pero, no caso dos menores de idade, na inscrición debe constar o nome da persoa maior de idade que o acompañará e que, á súa vez, terá que inscribirse igualmente na actividade.
 

Comparte