Nova: O Womex sitúase como plataforma de impulso para os artistas galegos de música tradicional

13/07/2016

O Womex sitúase como plataforma de impulso para os artistas galegos de música tradicional

Tres representantes de Galicia –Radio Cos, Narf e Xabier Díaz– actuarán na maior feira mundial da música de raíz, que se celebrará en Santiago do 19 ao 23 de outubro

A previsión é que se organicen 60 concertos e que visiten a nosa Comunidade 2.500 profesionais de 90 países, o que implicará un impacto económico duns 2,5 millóns de euros 

Santiago de Compostela, 13 de xullo de 2016 .- O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación, Román Rodríguez, definiu hoxe o Womex como unha “gran plataforma” para impulsar as carreiras musicais dos artistas galegos seleccionados na programación, así como para potenciar internacionalmente a música tradicional galega no seu conxunto. Con motivo do adianto da programación do Womex 2016, a maior feira mundial da música tradicional e de raíz que se celebrará en Santiago do 19 ao 23 de outubro, o titular do departamento de Cultura da Xunta de Galicia salientou a “magnífica oportunidade” que supón este evento para proxectar a imaxe de Santiago e de Galicia no mundo, así como para difundir a voz e o son galego tradicional alén das nosas fronteiras co obxectivo de xerar oportunidades de negocio.

En concreto, os tres representantes galegos que participarán nesta edición son Radio Cos –a banda de Quique Peón e Xurxo Fernandes, que foi elixida dentro da Selección Oficial–, e Fran Pérez ‘Narf’ e Xabier Díaz, que actuarán no escenario local ‘Atlantic Connections’. Con motivo do acto de presentación, celebrado na praza de Praterías e no que tamén participaron o alcalde de Santiago, Martiño Noriega; e a vicepresidenta da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartín, os tres interpretaron cadanseu tema.

Tal e como lembrou o conselleiro, esta nova edición do Womex na capital galega vén avalada polo éxito acadado na de 2014, que supuxo un forte impacto cultural porque se celebraron máis de 400 reunións de artistas e produtoras galegas con profesionais internacionais, que finalmente propiciaron oportunidade de negocio en mercados como Estados Unidos, Reino Unido, Francia, Latinoamérica e Asia. Pero tamén implicou unha importante repercusión socioeconómica, xa que se crearon 400 postos de traballo directos e indirectos arredor do evento.

Transcendencia cuantitativa e cualitativa

En opinión de Román Rodríguez, o Womex 2016 eríxese como unha oportunidade para consolidar os contactos e froitos logrados no 2014 e para abrir novos vieiros, así como para establecer novas sinerxías no panorama internacional que sirvan de panca para a música tradición galega e de raíz. Trátase, por tanto, dun evento de vital importancia e transcendencia para Santiago tanto desde o punto de vista cuantitativo como cualitativo.

Neste sentido, a previsión é que visiten a nosa Comunidade 2.500 profesionais de 90 países, o que implicará un impacto económico estimado de 2,5 millóns de euros en múltiples sectores (hostalería, comercio, servizos e produción de eventos, transporte etc.). A programación está composta por máis de 60 concertos, ademais de relatorios e proxeccións de filmes, entre outras actividades.

A Cidade da Cultura, espazo central

Por outro lado, e desde o punto de vista cualitativo, Román Rodríguez non só destacou a presenza destes tres representantes galegos de primeiro nivel que ocuparán un lugar central na programación, senón que tamén se detivo no espazo que acollerá de novo o recinto feiral: a Cidade da Cultura. Un lugar que, segundo transmitiu, proxecta unha imaxe contemporánea dunha cidade monumental e histórica como é Compostela. Neste sentido, cómpre lembrar que o Museo Centro Gaiás acolleu a pasada edición preto de 700 exhibidores de 47 países.

Atraer a programadores con actuacións únicas

A maiores, a proxección da música galega tamén se verá reforzada nesta ocasión cunha nova edición do programa previo ‘Focus Galician Tunes’, unha iniciativa que busca atraer a Galicia nos días previos á feira unha selecta representación dos principais programadores e axentes que participarán no evento. Todos eles poderán visitar os distintos espazos culturais en varias cidades e presenciar concertos-showcases de artistas galegos especialmente deseñados para eles. 

Comparte