Nova: Pesar polo pasamento de Agustín Fernández Paz, un dos escritores máis lidos das nosas letras

12/07/2016

Pesar polo pasamento de Agustín Fernández Paz, un dos escritores máis lidos das nosas letras

A Xunta destaca do escritor a súa contribución á cultura galega e a súa implicación e compromiso na tarefa de crear unha literatura xuvenil de calidade en galego

  • Agustín Fernández Paz
  • Agustín Fernández Paz

Santiago de Compostela, 12 de xullo.- A Xunta de Galicia lamenta o pasamento esta mañá do escritor Agustín Fernández Paz, un dos autores máis coñecidos e valorados no ámbito da literatura infantil e xuvenil en Galicia e no conxunto de España.

Nesta liña, o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, destacou do escritor a súa contribución á cultura galega e a súa implicación e compromiso na tarefa de crear unha literatura xuvenil de calidade en galego. Tamén agradeceu a contribución dos seus textos ao traballo educativo nas aulas galegas nas últimas décadas.

Nado en Vilalba en 1947, ademais de Perito Industrial Mecánico, foi mestre e licenciado en Ciencias da Educación. Un oficio, o de docente de primaria e secundaria, que compaxinou durante máis de trinta anos coa súa ampla actividade cultural e divulgativa.

Agustín Fernández Paz é un autor prolífico, con máis de cincuenta títulos. Os seus libros, escritos en galego, foron traducidos a diversas linguas como o castelán, catalán, éuscaro, portugués, coreano, búlgaro, inglés, ou chinés entre outros; e gozan do aprecio da crítica e dos lectores.

Nese sentido, cómpre lembrar que as súas obras mereceron as máximas distincións literarias, foi galardoado ata en dúas ocasións como o mellor autor do ano, no 2004, pola Federación de Libreiros de Galicia e no 2007, pola Asociación Galega de Editores. Tamén recibiu o premio ao mellor libro de LIX do ano, da AELG e o seu libro O único que queda é o amor obtivo en 2008 o Premio Nacional de Literatura Infantil y Juvenil que concede o Ministerio de Cultura de España. Ademais, en xaneiro de 2013 foi investido Doutor Honoris Causa pola Universidade de Vigo.

A súa figura e obra tamén foron recoñecidas internacionalmente. No ano 2011, foille outorgado en México o VII Premio Iberoamericano SM de la Literatura Infantil y Juvenil, en homenaxe á súa traxectoria literaria. E obtivo catro designacións, promovidas pola OEPLI, ao Astrid Lindgren Memorial Award, nos anos 2008, 2009, 2010.

Comparte