Nova: Xurxo Lobato amosa no Gaiás os Rostros do país

14/07/2016

Xurxo Lobato amosa no Gaiás os Rostros do país

70 imaxes en gran formato de persoas líderes en sectores como a cultura, a ciencia ou a empresa e persoas anónimas conforman a mostra coa que o fotoxornalista indaga na identidade galega

Pode visitarse na Biblioteca e Arquivo de Galicia ata o 18 de setembro con entrada de balde

  • O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, inaugurou hoxe no Gaiás a exposición ‘Rostros do país’ O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, inaugurou hoxe no Gaiás a exposición ‘Rostros do país’
  • O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, inaugurou hoxe no Gaiás a exposición ‘Rostros do país’ O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, inaugurou hoxe no Gaiás a exposición ‘Rostros do país’
  • O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, inaugurou hoxe no Gaiás a exposición ‘Rostros do país’ O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, inaugurou hoxe no Gaiás a exposición ‘Rostros do país’

Santiago, 14 de xullo de 2016.- O Gaiás acolle desde hoxe a  exposición ‘Rostros do país’, o novo traballo do recoñecido fotoxornalista galego Xurxo Lobato co que indaga na identidade galega.

Á inauguración asistiu o conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, quen convidou a todos os galegos a visitar a mostra e ‘ler’ “a historia escrita en cada rostro” e a “indagar na nosa identidade e a reflexionar sobre aquilo que nos caracteriza como pobo cun lugar de seu na historia.”

Con ‘Rostros do país’, a Cidade da Cultura ofrece unha radiografía da Galicia actual a través dos ollos de Xurxo Lobato. A mostra está formada por setenta fotografías, retratos de gran formato de mulleres e homes líderes en eidos como a cultura, a ciencia, a empresa ou o deporte, pero tamén de cidadáns do común, que simbolizan aos milleiros de galegos que fan medrar día a día este territorio. Ademais, ‘Rostros do país’ conta cunha instalación complementaria formada por máis de 1.400 pequenos retratos, algúns feitos polo propio fotógrafo e outros enviados nun proceso colaborativo, que conforman un mapa xigante de Galicia.

Xurxo Lobato, pola súa banda, destacou que esta mostra segue a liña iniciada en traballos anteriores como Galegos na escaleira, Viguíssimos ou Orgullo de Ferrol. “Interésame o retrato non só como unha maneira de coñecer as persoas, senón tamén como un xeito de coñecer a sociedade”, asegurou Lobato tras explicar que o mosaico realizado para esta mostra reúne persoeiros e xentes do común cun único obxectivo: contribuír ao orgullo de ser galego.

O acto tamén contou coa presenza de Manuel Fernández Pellicer, delegado xeral en Galicia de Gas Natural Fenosa, firma patrocinadora da mostra; de Manuel Prol Cid, director de Relacións Institucionais do Sabadell Gallego en representación da Fundación Banco Sabadell, colaborador da exposición, e da directora-xerente da Fundación Cidade da Cultura, Beatriz González-Loroño.

Católogo con texto de Ramón Villares

‘Rostros do país’ pode visitarse de luns a domingo de 8 a 20 horas na Biblioteca e Arquivo de Galicia ata o vindeiro 18 de setembro e con entrada libre e de balde.

Ademais da exposición, ‘Rostros do país’ conta cun catálogo deseñado por Xosé Díaz, de Imago Mundi. A publicación permite profundar na identidade de Galicia a través das setenta fotografías que compoñen a mostra. Xunto a un texto do propio Xurxo Lobato sobre a motivación deste novo traballo de fotoxornalismo, o catálogo ofrece unha reflexión de Ramón Villares, presidente do Consello da Cultura Galega e participante da exposición, baixo o título ‘Rostros para representar o país’.

Un veterano do fotoxornalismo

Licenciado en Xeografía e Historia pola Universidade de Compostela e membro da Real Academia de Belas Artes, Xurxo Lobato (A Coruña, 1956) leva toda unha vida ollando a realidade a través do obxectivo dunha cámara. Tras máis de corenta anos comunicando a través das súas fotografías, Lobato foi recoñecido con importantes distincións como o Premio da Crítica de Galicia 1991 ou o Premio Ortega y Gasset de Fotoperiodismo no 2003, coa súa famosa fotografía da proa do Prestige.
 

Comparte