Nova: A creación artística de Stefan Brüggemann é a protagonista da sexta mostra deste ano do CGAC
15/07/2016
A creación artística de Stefan Brüggemann é a protagonista da sexta mostra deste ano do CGAC
A obra do mexicano, que bebe das prácticas posconceptuais das décadas dos sesenta e setenta, exhibirase no CGAC ata o vindeiro 16 de outubro e será inaugurada hoxe
Santiago de Compostela, 15 de xullo de 2016.- A obra do artista mexicano Stefan Brüggemann é a protagonista da nova exposición do Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC), que se poderá visitar desde hoxe e ata o vindeiro 16 de outubro neste espazo de referencia da capital de Galicia, da Consellería de Cultura e Educación.
‘To be Political it has to Look Nice’ é o título da mostra, que foi presentada esta mañá en rolda de prensa polo secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo; polo comisario e director do CGAC, Santiago Olmo, e polo propio artista, que tamén participará esta tarde no acto de inauguración, ás 20:00 horas, onde ofrecerá unha visita dialogada co comisario.
Este traballo constitúe a sexta mostra da programación deste ano do CGAC, que, segundo recordou o secretario xeral de Cultura, inclúe oito proxectos expositivos, tanto individuais como colectivos, para dar a coñecer a creación de artistas galegos, nacionais e internacionais, como é o caso de Brüggemann.
Unha mirada crítica ás convencións artísticas
Construída a partir de intervencións espaciais e instalacións que cuestionan a orde dos conceptos, a lóxica das normas e, particularmente, as convencións da linguaxe e do sistema artístico, a mostra achégalle ao público a creación do artista mexicano, fortemente enraizada ás prácticas posconceptuais de finais dos sesenta e principios dos setenta.
A exposición toma como título unha das frases recompiladas polo artista nun arquivo de títulos posibles, “Showtitles”, obra presente na mostra, que constitúe precisamente unha crítica ás convencións da arte política, cada vez máis sometida ao servizo dunha corrección ideolóxica.
Na primeira sala da exposición, as paredes foron empapeladas cunha diminuta frase –“Conceptual Decoration”–, que abre, sen abordalo propiamente, un dos debates cruciais da arte actual: a fricción entre unha arte de ideas, conceptos e propostas de acción e unha arte da pintura á que se sinala como responsable do decorativo.
Xesto de rebeldía
“Monuments for the Ceiling I-X”, constituída por unha serie de réplicas non exactas ou inventadas de pezas de Dan Flavin construídas con fluorescentes, é outra das intervencións que conforman a mostra, na que tamén se pode ver a peza “Timeless”, un gran muro de espellos sobre os que o artista interveu con graffiti e pintura branca. Unha parede luxosa onde se plasmou o xesto extremo da rebeldía. Nesa mesma dirección actúa “Trash Mirror Boxes”, unha obra que consiste en 44 caixas recubertas por espello en todas as súas caras e sobre as que está serigrafado o termo inglés “trash” (lixo).
Obsesión pola palabra
As pinturas pertencentes á serie Joke and Definition Paintings marcan un contrapunto con respecto ás súas Text Pieces, frases en vinilo que organizan un espazo gráfico. Unha extensa escenografía dun mundo, o actual, obsesionado pola palabra.
Sempre desde o punto de vista crítico, ás veces irónico, a práctica artística de Stefan Brüggemann cuestiona tanto o mundo que nos rodea como as tradicionais categorizacións estéticas. A súa intención nunca é xerar certezas, senón confrontar o espectador consigo mesmo e facer que este se formule preguntas.
O artista, que vive e traballa entre México D.F. e Londres, expón actualmente en cidades como Lisboa, Ámsterdam e Miami. Tamén ten participado en mostras colectivas no MCA de Chicago, no Schirn Kunsthalle de Fránkfurt e no ICA de Londres, entre outras.