Nova: Ideas innovadoras e inspiradoras na nova edición do TEDxGalicia

16/07/2016

Ideas innovadoras e inspiradoras na nova edición do TEDxGalicia

Celébrase por segundo ano consecutivo no Museo Centro Gaiás, na Cidade da Cultura

O TEDxGalicia amplía o seu formato, cunha sesión de mañá e outra de tarde, nas que os participantes puideron escoitar destacados relatorios en vivo combinados co visionado das TedTalks ou charlas inspiradoras
 

  • O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, asistiu hoxe a unha nova edición do ‘TEDxGalicia’ O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, asistiu hoxe a unha nova edición do ‘TEDxGalicia’
  • O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, asistiu hoxe a unha nova edición do ‘TEDxGalicia’ O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, asistiu hoxe a unha nova edición do ‘TEDxGalicia’
  • O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, asistiu hoxe a unha nova edición do ‘TEDxGalicia’ O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, asistiu hoxe a unha nova edición do ‘TEDxGalicia’

Santiago, 16 de xullo de 2016.- O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, asistiu a unha nova edición do ‘TEDxGalicia’, evento dedicado á difusión de ideas innovadoras que por segundo ano consecutivo se desenvolve no Museo Centro Gaiás, na Cidade da Cultura. Co aforo esgotado desde hai meses, os participantes desta sexta edición puideron escoitar destacados relatorios en vivo, combinados co visionado de vídeos das coñecidas TedTalks ou charlas inspiradoras, co obxectivo de favorecer a reflexión e o debate.

Baixo o lema ‘De que está feito o futuro?’, esta edición do TEDxGalicia explorou as cousas cotiás que configuran o que imos ser como individuos e como sociedade. Por primeira vez, o TEDxGalicia arrincou ás 11 horas, cunha sesión de mañá que concluíu cunha sesión vermú para favorecer o goce e o intercambio de ideas entre relatores e participantes. Tras un pequeno petisco, o TEDxGalicia reanudouse ás 16 horas na segunda sesión da xornada, con novas charlas e vídeos, que se complementaron con espazos para o intercambio e interacción entre todos os participantes.

O panel de intervencións deste ano contou con profesionais de diferentes ámbitos como o arqueólogo José Manuel Costa, a economista ambiental María Loureiro, o divulgador tecnolóxico Marcus Fernández ou a pintora Dores Allegro. Na segunda sesión, tamén pasaron polo Museo Centro Gaiás, Ricardo González, o actor Óscar Rodríguez e o mestre Alberto Sacido.

Xa na xornada de tarde, o TEDxGalicia contou co músico Carlos García Amigo, o ruralista Xosé Luis Carrera, a autora do libro ‘NETiqueta. Comunicación en Entornos Digitales Mar Castro’, a artesá Idoia Cuesta e o deseñador Juan Ares e o reporteiro Nacho Carretero. Tras un descanso para asimilar ideas, foi a quenda de Chus Prol, xestora de Doutroxeito Coworking; o informático Javier Pedreira ‘Wicho’; a experta na xestión do optimismo nas organizacións Belén Varela e o cómico Víctor Grande.

Compartir ideas

O TEDxGalicia segue o modelo do TED, organización non lucrativa dedicada á difusión de ideas en forma de charlas curtas (18 minutos ou menos) a cargo de destacados oradores como Bill Clinton, Bill Gates, Jane Goodall, Frank Gehry, Paul Simon, Sir Richard Branson, Philippe Starck ou Bono.

TED comezou en 1984 como unha conferencia na que converxeron Tecnoloxía, Entretemento e Deseño e hoxe en día abarca case todos os temas –desde a ciencia aos negocios ou os problemas globais- en máis de cen idiomas. De forma paralela ás conferencias TED, en todo mundo teñen lugar os eventos TEDx como o que terá lugar na Cidade da Cultura co obxectivo de poder compartir estas ideas en todo o mundo.

Comparte