Nova: Posta en valor do conxunto histórico artístico de Sargadelos en Cervo
19/07/2016
Posta en valor do conxunto histórico artístico de Sargadelos en Cervo
Cervo (Lugo), 19 de xullo de 2016.- O secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, reuniuse co alcalde de Cervo, Alfonso Villares, para concretar as próximas actuacións de posta en valor do conxunto histórico-artístico de Sargadelos promovidas polo Concello lucense.
Entre as iniciativas destaca a adecuación das cabaleirizas da antiga fábrica de cerámicas para albergaren o Centro Artesanal de Sargadelos, co establecemento de varios obradoiros e puntos de venda de produtos artesanais neste edificio construído no século XVII e catalogado como Ben de Interese Cultural.
Ademais, o conxunto histórico-artístico de Sargadelos tamén será o escenario de Gadélica, o primeiro encontro contemporáneo interdisciplinar de arte e cultura de vangarda do Noroeste peninsular, que se celebrará do 29 ao 31 do presente mes de xullo no municipio lucense.