Nova: Espazos Sonoros percorre o patrimonio histórico cunha programación musical de nove concertos

20/07/2016

Espazos Sonoros percorre o patrimonio histórico cunha programación musical de nove concertos

Artistas galegos e grupos internacionais como o Ensemble Gilles Binchois, Le Miroir de Musique, Tres Pesos, La Xácara, Solo Voces e a pianista Paula Ríos comparten cartel na novena edición deste programa de Cultura

Do 3 de setembro ao 18 de outubro, os castelos de Monterrei e de Santa Cruz da Guarda, o pazo de Liñares ou a igrexa de San Salvador de Vilar de Donas serán algúns dos escenarios do ciclo, no que a música, a arquitectura e a paisaxe volven ser protagonistas

Santiago de Compostela, 20 de xullo de 2016.- O festival Espazos Sonoros 2016 celebra do 3 de setembro ao 18 de outubro a súa novena edición cun programa de nove concertos en espazos singulares do patrimonio galego. A música, a arquitectura e a paisaxe volven ser os protagonistas deste ciclo promovido pola Consellería de Cultura e Educación e que este ano propón un achegamento a edificacións históricas dos concellos de Vimianzo, de Ribadavia, da Guarda, de Pedrafita do Cebreiro, de Lalín, de Monterrei, de Bergondo, de Palas de Rei, da Coruña e de Baiona a través dunha programación musical que tamén inclúe andainas, visitas guiadas e obradoiros.

A igrexa de San Salvador de Vilar de Donas, en Palas de Rei; o castelo de Santa Cruz, na Guarda; o pazo de Liñares, en Lalín; Santa María a Real do Cebreiro e o castelo de Monterrei son algúns dos espazos patrimoniais, civís e relixiosos nos que se poderán escoitar agrupacións galegas e internacionais de estilos e procedencias diversas, como o Ensemble Gilles Binchois, Le Miroir de Musique, La Xácara, Tres Pesos, Solo Voces con Adrián Regueiro na rolda pola paisaxe dos órganos históricos ou a pianista Paula Ríos, encargada de recuperar a obra para piano de Rosa García Ascot e Xesús Bal y Gay.

A programación da novena edición, que xa pode consultarse en www.espazossonoros.org, foi presentada esta mañá en rolda de prensa, no pazo compostelán de San Roque, pola directora artística de Espazos Sonoros, Belén Bermejo, e polo secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, quen se referiu ao ciclo como “un convite para achegarse ao patrimonio arquitectónico e cultural a través da música, particularmente a través de concertos de música antiga e outras músicas, cun espazo sempre para a difusión dos órganos históricos”.

Creación de novos vínculos co patrimonio cultural

“Con esta iniciativa –explicou Anxo Lorenzo– pretendemos unir dous aspectos fundamentais no traballo do nos departamento: a aposta por crear espazos para ‘esas outras músicas’ con menor presenza, pero de alta calidade, e a difusión do patrimonio cultural, aínda ás veces enormemente descoñecido pola poboación”. Segundo precisou, “o feito de coñecelo nunha experiencia próxima a través da música parécenos unha forma moi axeitada de crear vínculos emocionais con ese espazo patrimonial e unha maneira de vivilo con intensidade”.

Ademais, o secretario xeral destacou Espazos Sonoros como “un xeito de presentar unha proposta de turismo cultural por Galicia”, xa que o ciclo tamén inclúe actividades como visitas guiadas, andainas e mesmo obradoiros de achegamento á música antiga para afondar no coñecemento dos instrumentos”.

Concertos únicos de música antiga
Son numerosos os seguidores e as seguidoras de Espazos Sonoros que, ano tras ano, percorren o territorio galego á descuberta do patrimonio, nunha programación que arrancará na recta final do verán e que contará con espectáculos únicos, como o concerto que ofrecerá o Ensemble Gilles Binchois na igrexa de Santa María de Baiona o 8 de outubro. Este grupo de referencia da música antiga interpretará por primeira vez en Galicia un dos monumentos da historia da música, a ‘Misa de Nosa Señora’, unha peza do século XIV composta por Guillaume de Machaut para a catedral de Notre-Dame de Reims.

Outra das formacións especializadas na interpretación da música antiga que chegará a Galicia con Espazos Sonoros é Le Miroir de Musique, de Basilea. Formado por virtuosos músicos que procuran a fidelidade ás fontes orixinais, este grupo revelación dos últimos anos ofrecerá o concerto inaugural do ciclo, o 3 de setembro, na igrexa de Santiago de Cereixo, en Vimianzo.

Tamén conta cunha ampla formación académica no eido da música antiga e da corda pulsada o dúo La Compagna, formado polo galego Rafael Muñoz e a andaluza María Luz Martínez. O grupo, que naceu co obxectivo de afondar na interpretación dos aínda descoñecidos repertorios de música para laúde renacentista, actuará o 18 de setembro no concello de Palas de Rei, no marco singular de San Salvador de Vilar de Donas.

O conxunto La Xácara, formado por experimentados músicos galegos e que participou hoxe na rolda de prensa cunha breve interpretación musical, fará en Espazos Sonoros un percorrido pola música vocal e instrumental do Barroco no concerto que ofrecerá o 24 de setembro no castelo de Monterrei.

O son da pintura e músicas para Shakespeare, nos pazos

Espazos Sonoros propón nesta edición un achegamento diferente á música a través do obradoiro ‘Retratos sonoros. O son da pintura’, que convida, o 1 de outubro no pazo de Liñares, en Lalín, a unha viaxe polas artes plásticas para rescatar os sons ocultos nelas, a través da reprodución, con música ao vivo, de escenas de obras pictóricas. Previamente, a esta actividade, os asistentes poderán realizar unha visita guiada polo edificio, un dos mellores expoñentes da arquitectura palaciana galega.

E no pazo de Mariñán, coincidindo co catrocentos aniversario da morte de William Shakespeare, o tenor Wilfried Rogl e o conxunto austríaco Rosarum Flores recrearán o contexto musical no que viviu o escritor, cun repertorio de música para laúde de autores coetáneos como John Dowland, Thomas Morley ou Jakob van Eyck, que musicaron coas súas composicións textos de Shakespeare. Previamente ao concerto, que terá lugar o 15 de outubro, o ciclo tamén ofrece unha visita guiada polas dependencias desta pazo.

Música de raíz, de aquí e de hoxe

No cartel de Espazos Sonoros teñen cabida diferentes estilos musicais, como o de Tres Pesos. Felisa Segade, Estevo Lamas e Xosé Antón Ferreira (Pepe de Calo), tres artistas de fonda traxectoria no eido da música tradicional galega, son os impulsores deste proxecto, que chegará ao Museo Etnolóxico de Ribadavia o 10 de setembro en concerto. 

A música galega tamén dialoga coa portuguesa no festival, da man de Ariel Ninas e César Prata. O dúo presenta o 11 de setembro, no castelo de Santa Cruz da Guarda, unha proposta arredor dun personaxe singular na cultura musical universal, a persoa invidente que canta e fai música, e o seu repertorio recollido en ambas as beiras do Miño.

 

A clausura de Espazos Sonoros, o 18 de outubro, abordará a recuperación da figura e da obra da pianista e compositora Rosa García Ascot, cun concerto de Paula Ríos na sede da Academia de Belas Artes Nosa Señora do Rosario na Coruña.

Rutas a pé polo patrimonio

Con motivo do concerto inaugural, o 3 de setembro, Espazos Sonoros propón unha primeira andaina pola contorna da igrexa de Santiago de Cereixo, en Vimianzo, a carón do río Grande. O día 10 dese mesmo mes, previamente ao concerto de Tres Pesos, o ciclo bota a andar polo roteiro fluvial de Ribadavia a Francelos, a través dunha paraxe de gran riqueza etnolóxica, natural e paisaxística.

No marco da irmandade musical entre Galicia e Portugal, o 11 de setembro o ciclo ofrecerá unha xornada no Baixo Miño que transcorrerá entre viñas –arredor da paisaxe vitivinícola dunha das subzonas da denominación de orixe Rías Baixas– e fortes, co desprazamento ata o castelo de Santa Cruz da Guarda.

A paisaxe organística

As habituais roldas pola paisaxe organística galega de Espazos Sonoros proseguen a súa andaina, na súa quinta edición, para visitar, o 17 de setembro, os órganos que se atopan ao longo da primeira etapa do Camiño Francés á súa entrada en Galicia, desde O Cebreiro ata Sarria, pasando por Samos. Trátase dos órganos do convento da Magdalena de Sarria, da abadía de Samos e da igrexa de Santa María a Real do Cebreiro. A xornada rematará nesta igrexa cun concerto a cargo do coro Solo Voces, unha das formacións vocais máis consolidadas do panorama musical galego acompañada do organista Adrián Regueiro.

Actividades con inscrición previa

Todos os concertos do festival Espazos Sonoros son de balde e a entrada é libre ata completar a capacidade. No caso das actividades, as que contan con prazas limitadas requiren inscrición previa nas datas establecidas, a través do enderezo electrónico actividades@espazossonoros.org

Programación cultural arredor do patrimonio

A Consellería vén promovendo toda unha serie de actividades que contribúen á difusión e á valoración social do patrimonio cultural material e inmaterial de Galicia. A finais deste mes de xullo tamén botará a andar a nova edición de Monumenta, que nesta nova edición, baixo a epígrafe “Andar con arte”, convida a camiñar para vivir e descubrir o patrimonio material e inmaterial galego. Ademais, a Secretaría Xeral de Cultural continúa apoiando diferentes ciclos musicais que dinamizan os espazos históricos de distintas vilas, como son os ciclos de órgano de Celanova ou o de música relixiosa de Barcia de Mera. Estas actividades poden consultarse na Axenda de Cultura de Galicia, en www.cultura.gal 

 

Comparte