Nova: A Agadic axuda a financiar a produción de 16 novas películas galegas

20/07/2016

A Agadic axuda a financiar a produción de 16 novas películas galegas

Subvenciónanse con dous millóns de euros seis longametraxes de ficción, dúas documentais cinematográficas e outras tres televisivas, tres curtas, unha miniserie de ficción e unha serie de animación infantil

Frida Films, Esnatu Cinema, Fílmika Galaika, Abano, Vaca Films, Miramemira, Agallas Films, Mad Mex Filmanova, Portocabo TV, Xamalú Filmes, Formato, Artefocal, Ficción, Juan Ramón Galiñanes e Matriuska son as produtoras adxudicatarias

Santiago, 20 de xullo de 2016.- A Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) da Consellería de Cultura publicou  no seu web a adxudicación de preto de dous millóns de euros en axudas a 15 empresas audiovisuais galegas para a produción de 16 novos traballos de cinema e de televisión. En concreto, a través desta convocatoria dirixida especificamente a producións e coproducións audiovisuais de contido cultural galego, subvenciónanse seis longametraxes de ficción, cinco longametraxes documentais (dúas delas cinematográficas e tres televisivas), tres curtametraxes, unha miniserie de ficción para televisión e unha serie de animación infantil.

Na modalidade de longas de ficción, a produtora Frida Films percibirá 258.897 euros para 'Trote', a que será a primeira longametraxe de Xacio Baño; a mesma contía coa que Abano Producións contará para 'As troitas cantan ao mencer', da directora Alexia Muíños. Tamén terán apoio Fílmika Galaika, con 239.467 euros para 'Longa noite', de Eloy Enciso; Vaca Films Studio, con 238.982 euros para 'Feedback', de Pedro C. Alonso. Pola súa banda, Esnatu Cinema conseguiu 119.491 euros para 'Arima', a primeira longa da directora Jaione Camborda, e a Miramemira adxudicáronselle 209.109 euros para 'Aquilo que arde', o próximo proxecto de Oliver Laxe.

Documentais e curtas

En canto ao xénero documental, a Agadic subvencionará cinco títulos, dos que dous son longametraxes cinematográficas: 'O futuro da mente', de Agallas Films (59.745 euros), que dirixirá Ruth Chao,e 'Nación de muchachos', de Mad Mex Filmanova (47.796 euros), á fronte da que estará Javier Camino; mentres que tres correspóndense con longas para televisión: 'O soño de papá', de Xamalú Filmes (44.809 euros), 'O segredo da ría', de Artefocal (34.632 euros) e 'Almoina, o heroe infame', presentada por Formato Producciones e que disporá de 29.873 euros a través desta resolución.

No apartado de curtametraxes, seleccionáronse outras tres obras: 'The Neverending Wall', de Abano (15.000 euros), 'Stalk. El muerto', de Matriuska (15.000 euros) e 'Mouras', proposta de Juan Ramón Galiñanes (10.832 euros).

No ámbito televisivo, a miniserie de Portocabo TV 'Vidago Palace', de coprodución galego-portuguesa, terá un apoio económico de 238.982 euros; en tanto que a serie de animación infantil'O mundo de Tutu', de Ficción Producciones, recibirá 159.321 euros.

Aplicación do novo sistema de pagamentos

Esta é a primeira resolución a partir da que se aplicarán as novas bases desta convocatoria, publicadas no Diario Oficial de Galicia o pasado 8 de marzo, nas que se introduciu unha importante reestruturación do sistema de pagamentos anticipados, co obxectivo de dar resposta ás demandas do sector no sentido de reducir a carga financeira que asumen as empresas durante o proceso de produción.

Con tal fin, o Consello da Xunta aprobou este ano unha excepción á Lei de Subvencións de Galicia, de acordo coa que se suprimiu a ata agora obrigatoriedade de constituír garantías ante o adianto de cantidades que superaran os 18.000 euros e quedou aberta a posibilidade de acceder a un 85 por cento do importe da subvención de xeito anticipado.

A resolución desta convocatoria pode consultarse na páxina web da Agadic: www.agadic.info/axudas.
 

Comparte