Nova: Parte das pinturas murais da igrexa de Moraime restauraranse despois do verán

20/07/2016

Parte das pinturas murais da igrexa de Moraime restauraranse despois do verán

Cultura executará no segundo semestre do ano actuacións de reparación e conservación sobre o muro norte do templo do mosteiro de San Xiao

Estas obras súmanse ao investimento xa realizado para eliminar as humidades do templo e para recuperar o mural oeste do mesmo

Santiago, 20 de xullo de 2016.- A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria iniciará no segundo semestre deste ano a restauración da pintura do muro norte da igrexa do mosteiro de San Xiao de Moraime, na localidade coruñesa de Muxía, unha actuación que se suma aos traballos xa executados para recuperar a pintura moral oeste do mesmo templo, na que xa se pode admirar a representación do Papa Pío II.

Estes traballos sobre as pinturas poden desenvolverse unha vez o departamento de Cultura da Xunta de Galicia realizou, nos anos 2014 e 2015, obras para atallar a entrada de auga por capilaridade e filtración nos muros da igrexa. Ademais, a intervención anterior sobre a pintura do muro oeste permitiu axustar criterios e procedementos de actuación e comprobar a efectividade dos traballos realizados anteriormente para atallar a humidade.

Deste xeito, o investimento da Consellería nos últimos anos nesta igrexa, declarada Ben de Interese Cultural (BIC) coa categoría de conxunto histórico, ascende a más de 105.000 euros, que se verán incrementados co orzamento desta nova actuación, de arredor de 50.000 euros.

Traballos previstos
De forma previa á actuación directa sobre a pintura do muro norte redactarase un proxecto de intervención técnico e histórico para situar a lectura do mural dentro do programa iconográfico e da historia do inmoble. Así mesmo, elaboraranse mapas de estado de conservación e controis de temperatura e humidade.

A intervención en si consistirá na consolidación do soporte e dos estratos polícromos, limpeza da superficie e aplicación de tratamento contra o biodeterioro, e na eliminación de antigos morteiros de restauración para substituílos por outros novos e reintegrar a policromía orixinal ao conxunto.

A igrexa do antigo Mosteiro de San Xiao de Moraime é un dos exemplos senlleiros do románico galego con achegas estilísticas de épocas posteriores. de planta basilical e con orixe nun antigo mosteiro da Orde de San Bieito, o valor artístico desta peza fíxoa obxecto de diferentes traballos de restauración desde os anos setenta do século XX, nos que se realizaron obras xeneralizadas de renovación de cuberta, nova pavimentación e outras medidas tendentes á eliminación de humidades no templo; traballos que se retomaron nos últimos anos.

Avances sobre a Pedra de Abalar
Hoxe celebrouse unha reunión entre os técnicos de Patrimonio e representantes do Concello de Muxía para estudar a proposta de desprazar a Pedra. Tendo en conta os datos achegados ata o de agora por unha das empresas especializadas máis solventes, Terra Arqueos, entendeuse que a proposta non contaba con suficientes garantías de éxito.

Non obstante, tendo en conta o indubidable valor como soporte físico dun patrimonio inmaterial sobranceiro da Pedra, a Consellería de Cultura acometerá, en primeiro lugar, unha musealización adecuada para o fragmento de 3,6 toneladas desprendido a raíz dos temporais de 2014 e, en segundo lugar, estudará e valorará novas posibilidades técnicas que resulten idóneas para que, sen pór en risco a Pedra, esta recupere o seu abalar característico.

Comparte