Nova: O Centro Coreográfico Galego inicia os ensaios de As catro estacións
21/07/2016
O Centro Coreográfico Galego inicia os ensaios de As catro estacións
O espectáculo conta con coreografías de Kenneth Tindall e de Iker Gómez, quen traballa xa estes días cos oito bailaríns e bailarinas escollidos mediante audicións públicas
Integran o elenco Ailén Ramos, Inés Vieites, Elena Roses, Raquel Santacruz, Juan Miguel Hernández, Víctor Molina, Pastor R. Feal e Pablo Aradillas
O Teatro Colón da Coruña acollerá as dúas primeiras funcións da montaxe os vindeiros 9 e 10 de setembro
A Coruña, 21 de xullo de 2016.- A sede do Centro Coreográfico Galego (CCG) na Coruña acolle estes días os primeiros ensaios da produción ‘As catro estacións’, un espectáculo contemporáneo sobre a música de Antonio Vivaldi que dirixen os coreógrafos Iker Gómez e Kenneth Tindall, e que se estreará o vindeiro 9 de setembro no Teatro Colón da cidade.
As bailarinas Ailén Ramos, Inés Vieites, Elena Roses e Raquel Santacruz, e mais os bailaríns Juan Miguel Hernández, Víctor Molina, Pastor R. Feal e Pablo Aradillas conforman o elenco seleccionado a través dunha convocatoria pública de audicións para interpretar esta nova proposta da unidade de danza dependente da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.
A estrea será o próximo 9 de setembro ás 20.30 horas no Teatro Colón da Coruña, escenario que ofrecerá unha segunda función o día 10 no mesmo horario. As localidades para asistir a ambas as dúas representacións están xa á venda a través da billeteira electrónica de Ataquilla.
Nesta fase inicial dos traballos, é o coreógrafo e videocreador vasco Iker Gómez, colaborador habitual nos programas formativos e en anteriores espectáculos do CCG, quen está á fronte da montaxe para facerse cargo das coreografías de Primavera e Inverno, en tanto que no mes de agosto incorporarase o británico Kenneth Tindall, un dos valores emerxentes da creación coreográfica internacional, para deseñar as correspondentes a Verán e Outono. Na concepción escénica de ‘As catro estacións’ establecerase ademais un paralelismo entre os movementos da popular composición musical de Vivaldi e as catro provincias galegas.
Despois da súa estrea na Coruña, ‘As catro estacións’ visitará outras cidades galegas, como Pontevedra (Pazo da Cultura, 26 de novembro) ou Santiago de Compostela (Salón Teatro, 1, 2 e 3 de decembro).