Nova: Cinema ao aire libre e música para o último Atardecer no Gaiás de xullo

27/07/2016

Cinema ao aire libre e música para o último Atardecer no Gaiás de xullo

O xoves terá lugar na praza central o concerto da banda galega ‘Os Amigos dos Músicos’ e o sábado será a quenda do pop luminoso de ‘La familia del árbol’

O ‘Atardecer no Gaiás’ desta semana celebrará o venres a segunda sesión de cine ao aire libre coa película ‘The Commitments’ de Alan Parker, que estará precedida por unha sesión DJ a cargo de Pablo Electrocute
 

  • The commitents The commitents
  • Os amigos dos músicos Os amigos dos músicos
  • La familia del árbol La familia del árbol

Santiago, 27 de xullo de 2016.- A última semana de xullo de ‘Atardecer no Gaiás’ combinará música e cine ao aire libre na praza central da Cidade da Cultura. O ecuador do ciclo arrancará este xoves, cando a banda galega ‘Os amigos dos músicos’ lle poñan banda sonora ao solpor. Tan aliens como gaiteiros de ‘Nashville’, ‘Os Amigos dos Músicos ‘cantan o que se lles poña por diante: cantigas de amigo, alalás de Xurxo Souto ou poemas de Carvalho Calero, todo mesturado con algo de electricidade e un pouquiño de tradición, nuns directos inesquecibles e nunca semellantes.

Tras encher de música a praza central, o venres 29 de xullo terá lugar a segunda das proxeccións de cine ao aire libre. Nesta ocasión será o filme ‘The Commitments’, dirixida por Alan Parker e baseada na novela homónima de Roddy Doyle. A película conta a historia de Jimmy Rabitte, un mozo que vive nun barrio de Dublín e que está empeñado en facer realidade un soño: crear unha banda e levar a música soul a súa cidade. Para iso, publica un anuncio nun xornal local e comeza a seleccionar a mozos de vida precaria, pero de gran talento musical. Así nace o grupo The Commitments.

Como previo á película, a partir das 21:00 horas, a praza central contará cunha sesión DJ temática a cargo de Pablo Electrocute.

Esta última semana de xullo pecharase o sábado coa actuación de ‘La Familia del Árbol’, nome co que Nacho Casado asina as súas cancións acompañado de Pilar Guillén. No Gaiás, ‘La familia del Árbol’ presentará Odisea, traballo co que recorre a liña sonora que flúe entre o pop luminoso con raíces psicodélicas e o folk máis elegante e intimista.

Todas as sesións de ‘Atardecer no Gaiás’ teñen lugar ás 21:00 horas na praza central. A entrada é libre e de balde.

Consultade na Axenda de Cultura de Galicia todo o ciclo de Atardecer no Gaiás

Comparte