Nova: Música no Claustro regresa á catedral de Tui con jazz, artesanía e novos talentos
27/07/2016
Música no Claustro regresa á catedral de Tui con jazz, artesanía e novos talentos
A nova edición deste festival de música e patrimonio ofrecerá do 3 ao 7 de agosto concertos de música clásica, antiga e jazz, obradoiros de cerámica e instrumentos tradicionais, xunto con visitas guiadas ao conxunto monumental tudense
Baixo a dirección artística de Samuel Diz e co apoio de Cultura, o festival tamén será o escenario de presentación de novos intérpretes locais
Tui, 27 de xullo de 2016.- Concertos, obradoiros de artesanía e visitas guiadas centran o programa da décimo segunda edición de Música no Claustro, que se desenvolverá do 3 ao 7 de agosto na catedral de Tui, co apoio da Consellería de Cultura e Educación, a través das secretarías xerais de Cultura e de Política Lingüística.
As actividades que conforman a nova programación deste festival de música, patrimonio e creación interdisciplinar, foron presentadas esta mañá nunha rolda de prensa na que o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, fixo fincapé no interese de programar en espazos de especial interese cultural, co obxectivo de favorecer o coñecemento, o aprecio e a implicación social na conservación do patrimonio histórico.
“Trátase, polo tanto –dixo–, dunha iniciativa que axuda a que tanto os veciños do lugar como os visitantes que se achegan doutras procedencias valoren a riqueza do patrimonio histórico que posuímos, ao tempo que lles permite desfrutar dunha programación multidisciplinar dirixida a todos os públicos e que se converte nun novo reclamo para visitar unha vila que conta cun valioso legado cultural”.
Baixo o leimotiv Fortalezas e a dirección artística de Samuel Diz, Música no Claustro ofrecerá diversos concertos de música clásica, antiga e jazz. No marco desta programación musical, chegará por primeira vez a Galicia, procedente de Lisboa, un dos proxectos máis singulares xurdidos na última década en Portugal: Noiserv. Nese diálogo entre ambas as dúas beiras do Miño, tamén terá lugar a presentación en escena do pergamiño Vindel de Martín Códax.
Ciclo de novos intérpretes
Xunto con outras formacións e músicos experimentados como o acordeonista serbio Nikola Tanaskovic e o Ernesto Aurignac Trío, tamén participarán no festival novas e novos intérpretes, que terán ocasión de dar a coñecer o seu talento grazas á colaboración da Escola e o Conservatorio Profesional de Música de Tui, a A.C. Galicia Fiddle, e o apoio das empresas Connecta Aloia e a editorial Dos Acordes.
Desde a perspectiva do estudo e difusión do patrimonio, Música no Claustro pon o foco nesta edición na grana cochinilla, o pigmento natural chegado desde Nova España do que fala nos seus escritos frei Prudencio de Sandoval, bispo da catedral tudense entre 1608 e 1612.
Protagonista dun importante desenvolvemento histórico, económico e artístico, o festival centra a súa atención na intrahistoria da cor carmín e os seus usos relixiosos, artísticos e sociais desde o século XVI ata a actualidade. Para iso, ofrecerá unha xornada de coñecemento interdisciplinar co historiador mexicano Huemac Escalona, e desde o punto de vista artístico, a gaditana Irene Gómez interpretará unha escolma de obras para viola da gamba nunha viaxe ao mundo sonoro das Españas históricas.
Artesanía e visitas guiadas
As residencias artísticas e talleres de Verónica Moar, artesá de cerámica contemporánea, e o construtor de instrumentos musicais Xaneco achegaranlles aos participantes a artesanía galega. Visitas guiadas á cidade medieval tudense, xunto con obradoiros e xincanas para que os máis pequenos descubran o valor do patrimonio completan as propostas da décimo segunda edición de Música no claustro.
Organizado polo Cabido da catedral de Tui, o festival conta coa colaboración da Xunta de Galicia, mediante o apoio das secretarías xerais de Cultura e de Política Lingüística da Consellería de Cultura e Educación, e mais da Consellería de Economía e Industria, a través da Fundación Centro Galego da Artesanía e do Deseño. Tamén colaboran con ‘Música no Claustro’ o Concello de Tui e AIEn-RUTa clásicos e jazz, programa do Fondo Asistencial e Cultural de Artistas Intérpretes o Ejecutantes.
Na Axenda de Cultura de Galicia pódense consultar todos os concertos de Música no Claustro.