Nova: Volve o Festival Intercéltico O Son do Pazo con actuacións de Malvela e Treixadura

28/07/2016

Volve o Festival Intercéltico O Son do Pazo con actuacións de Malvela e Treixadura

O 12 e o 13 de agosto tamén actuarán, no contorno do pazo de Mos, Tiruleque, Akelarre Agrocelta, Airiños do Castelo e os gaiteiros da Ruada

Exposicións de coiro e de instrumentos tradicionais xunto co Festival BailaMos completan o cartel da iniciativa, que conta co apoio de Cultura

Mos, 28 de xullo de 2016.- O Festival Intercéltico O Son do Pazo celebra a súa segunda edición con dous días de concertos, o 12 e 13 de agosto, nos que actuarán os grupos Malvela, Treixadura, Akelarre Agrocelta e Tiruleque, xunto coa Banda de Gaitas Ariños do Castelo e mais os gaiteiros da Ruada do Centro Cultural de Torroso. O Festival BailaMos e mais exposicións de coiro e de instrumentos completan o cartel de O Son do Pazo, que foi presentado esta mañá en rolda de prensa no pazo de Mos.

O contorno deste pazo será o escenario dun festival que é “boa mostra do labor que se vén realizando desde o ámbito local para lle ofrecer á cidadanía, en todo o territorio, unha programación cultural diversa e de calidade, como a que caracteriza esta d’O Son do Pazo”, afirmou o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo.

“As inmediacións deste pazo –engadiu– serán o escenario perfecto para os grupos de referencia que conforman o cartel desta segunda edición, na que a calidade artística volve ser o referente dunha cita que, malia a súa curta traxectoria, podemos dicir que xa forma parte destacada do prestixioso calendario de festivais do verán galego”.

O festival está organizado polo Círculo Cultural e Deportivo Santa Eulalia de Mos, representado na rolda de prensa pola súa presidenta, Juana María Moreno Blanco, e conta coa colaboración da Consellería de Cultura e Educación, da Fundación Pazo de Mos e mais do Concello de Mos. A alcaldesa do municipio, Nidia Arévalo, tamén participou na rolda de prensa de presentación do festival, que porá a disposición dos asistentes unha zona de acampada libre.

Concertos e festival de danza

A Banda de Gaitas Airiños do Castelo será a encargada de abrir, o venres día 12 de agosto, ás 22:00 horas, O Son do Pazo, seguida dos grupos Malvela e Tiruleque. O  sábado día 13 a partir das 17:00 horas terá lugar unha concentración de coches Seat 600 e a partir das 20:00 será a quenda do Festival BailaMos, no que participarán un total de sete grupos, con preto de 200 bailaríns e músicos. A partir das 22:00 horas chegarán os concertos a cargo dos Gaiteiros da Ruada C.C. de Torroso, de Teixadura e de Akelarre Agrocelta.

En xaneiro de 2016, a Consellería de Cultura e Educación asinou un protocolo de colaboración coa Fundación Pazo de Mos que se está a traducir no apoio do Goberno galego á dinamización cultural do concello pontevedrés. 

Comparte