Nova: O programa Ler conta moito dinamizará a lectura en agosto con 25 actividades na Rede de Bibliotecas

02/08/2016

O programa Ler conta moito dinamizará a lectura en agosto con 25 actividades na Rede de Bibliotecas

As propostas para este mes comezan mañá mércores no concello coruñés de Zas e percorrerán tamén, entre outros, os municipios de Covelo, Tomiño, Catoira, Verín, Bande, Ortigueira, Xove, Ponte Caldelas, Castrelo de Miño e A Baña

Preto de 750 actividades conforman a cuarta edición deste programa que se desenvolve desde o pasado mes de marzo ata novembro
 

  • Actividade de Ler conta moito 2016 Actividade de Ler conta moito 2016

Santiago de Compostela, 2 de agosto de 2016.- O programa Ler conta moito propón para este mes de agosto un total de 25 actividades para gozar do verán a través da lectura en diversos centros da Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia.

As bibliotecas e axencias de lectura municipais de Zas, Sanxenxo, Covelo, Carnota, Tomiño, Ortigueira, A Coruña, Catoira, Pantón, Bande, Verín, Xove, Ponte Caldelas, Castrelo de Miño e A Baña serán os escenarios da programación de Ler conta moito nestas semanas de agosto, para lles achegar aos diferentes públicos, especialmente aos máis novos, o gusto polos libros e o hábito da lectura, a través da música, da maxia, das artes plásticas, dos monicreques, da ciencia, da danza, do audiovisual e da banda deseñada.

Música e lectura para comezar o mes

O inicio da programación deste mes será na Axencia de Lectura Municipal de Baio, no concello coruñés de Zas, onde Os Tres Tenedores ofrecerán mañá, ás 20:00 horas, un especial menú musical que fará as ledicias dos rapaces e rapazas. A música tamén será a protagonista da axenda do xoves. Na biblioteca pública deste concello será a quenda o día 4 da actividade ‘Libros en-cantados’, coa que nenos e nenas a partir de 3 anos terán ocasión de gozar cos contos e coas cancións interpretadas en directo por Magin Blanco.

De cara á fin de semana –o venres, o sábado e o domingo–, Ler conta moito estará en Sanxenxo, en Covelo, en Carnota, en Tomiño, na Coruña, en Catoira e mais Verín, con obradoiros creativos para descubrir artistas como Seoane, Picasso ou Van Gogh a través dos libros e da literatura; con contos de medo que deixan durmir, con deliciosas propostas literarias a cargo do cociñeiro Antón e da pasteleira Tomasa e co espectáculo musical de Brinca vai!, a cargo de Paco Nogueiras.

As próximas paradas serán en Ortigueira e na Coruña, o día 10; no municipio lucense de Pantón, o 11 de agosto; en Tomiño, en Bande e mais en Verín, os días 12, 13 e 14, respectivamente; na Coruña e en Xove, o martes 18 de agosto; en Carnota, o día 19; o sábado 20 Ler conta moito repetirá en Bande, mentres que o 23, 24 e 25 de agosto chegará a Ponte Caldelas. Nesa semana, tamén estará na Coruña, o día 24, e mais en Castrelo de Miño, o domingo 28. Finalmente, Ler conta moito rematará o mes no concello da Baña.

Preto de 750 actividades para dinamizar a lectura

A cuarta edición deste programa ofrece desde o pasado mes de marzo e ata o vindeiro mes de novembro un total 749 actividades nas catro provincias galegas, que se desenvolven nas bibliotecas e axencias de lectura inscritas nesta iniciativa.

O calendario completo coas actividades pode consultarse na Axenda de Cultura de Galicia, a través da páxina web www.cultura.gal
 

Comparte