Nova: O Encontro da Banda Sinfónica Infantil de Galicia potencia o talento musical de máis de 50 rapaces

02/08/2016

O Encontro da Banda Sinfónica Infantil de Galicia potencia o talento musical de máis de 50 rapaces

A programación do evento, que se desenvolverá desde hoxe e ata o 7 de agosto en Ortigueira e Mondoñedo, inclúe ensaios, actuacións, iniciativas de recuperación do patrimonio musical e visitas culturais nos dous municipios

O secretario xeral de Cultura referiuse á iniciativa como unha oportunidade para afondar na formación musical dos máis novos e para a difusión da música nos concellos de Galicia
 

  • cartel do concerto da BSIG cartel do concerto da BSIG
  • Presentación en rolda de prensa do encontro Presentación en rolda de prensa do encontro

Ortigueira (A Coruña), 2 de agosto de 2016.- Máis de medio cento de rapaces e de rapazas con idades comprendidas entre os 9 e os 15 anos participan desde hoxe e ata o vindeiro 7 de agosto no Encontro da Banda Sinfónica Infantil de Galicia 2016, que terá como escenarios os municipios de Ortigueira e de Mondoñedo.

Procedentes de preto de 30 bandas de música das catro provincias galegas, os nenos e nenas foron seleccionados este ano para formar parte da Banda Sinfónica Infantil de Galicia (BSIG) e compartir seis xornadas de convivencia arredor da música, nas que terán ocasión de completar a súa formación con ensaios e aulas a cargo de destacados profesores, de actuar nos dous concertos que se celebrarán os días 6 e 7 de agosto, ás 19:30 horas, na praza da catedral de Mondoñedo e no Teatro da Beneficiencia de Ortigueira, respectivamente, e tamén de coñecer o patrimonio cultural dos dous concellos a través de diversas actividades.

Organizada pola Asociación Nacional de Directores de Banda (ANDB), co apoio da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, a programación do encontro foi presentada esta mañá en Ortigueira, na sede da Fundación Ortegalia, onde o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, destacou o importante labor que se está a realizar desde os conservatorios, as bandas e as escolas de música para “formar unha ampla base de novos músicos, de novos intérpretes e tamén de novos públicos cada vez máis preparados”.

Tamén interviron na rolda de presentación os alcaldes de Ortigueira e de Mondoñedo, Juan Penabad e Elena Candia, respectivamente, xunto co director musical da BSIG, David Llano, e mais co presidente da Asociación Nacional de Directores e director artístico da BSIG, Carlos Diéguez Beltrán.

Reforzar a formación e difundir a música nos concellos

Os máis de 50 rapaces e rapazas que participan neste encontro son “o mellor exemplo desta base social nacente, que aspira a facer música de calidade e música con identidade”, dixo o secretario xeral, ao tempo que incidiu na idea de que iniciativas coma esta constitúen unha oportunidade para completar e actualizar e reforzar a formación musical dos máis novos, así como para a propia difusión da música nos concellos de Galicia.

Desde hoxe e ata o domingo, os rapaces e rapazas terán ocasión de reforzar a súa formación musical da man de recoñecidos profesores; de gozar do patrimonio cultural de Ortigueira e de Mondeño a través de visitas e excursións; de actuar para dar a coñecer o seu talento e de reforzarse no gusto pola música desde a convivencia e desde a emoción compartida de facer música con outros compañeiros e compañeiras.

Recuperación e difusión do patrimonio musical

O encontro destaca pola súa faceta didáctica e pola innovación, ao tempo que aposta pola recuperación e divulgación de obras singulares do patrimonio musical. Con este obxectivo, no programa de concertos soarán obras inéditas do compositor Reveriano Soutullo, así como o pito pastoril galego, por vez primeira, cunha banda con música do mestre Pacheco. Tamén incluirá a estrea dunha obra escrita por un rapaz de 13 anos dedicada á BSIG.

As partituras recuperadas no encontro editaranse e facilitaránselles en formato dixital a todas as bandas e escolas de música do país.

A Banda Sinfónica Infantil de Galicia

A Banda Sinfónica Infantil de Galicia é un proxecto educativo pertencente ao Plan Nacional de Bandas de Música, que xorde coa intención de apoiar o desenvolvemento bandístico do Estado español. Os máis de 50 rapaces e rapazas que participan este ano na iniciativa proceden de preto de 30 formacións das catro provincias galegas, entre as que se inclúen as bandas de música Chamarela, Magariños, Sementeira de Narón, de Betanzos, de Sarria, de Trasmiras, de Lalín, Unión de Lantaño e de conservatorios profesionais de música como o de Santiago de Compostela.

O encontro está organizado pola Asociación Nacional de Directores de Banda (ANDB), xunto coa colaboración da propia Consellería e dos concellos de Ortigueira e de Mondoñedo, da Fundación Reveriano Soutullo, da Diocese Mondoñedo-Ferrol, da Fundación Ortegalia, da Escola e Banda de Música de Ortigueira, da Asociación Pedagóxico-Musical Marosa Jazz, Arte Metal e Aire, e da Federación Galega de Bandas de Música.
 

Comparte