Nova: A Cidade da Cultura acolle esta semana o Atardecer no Gaiás cos sons más internacionais

03/08/2016

A Cidade da Cultura acolle esta semana o Atardecer no Gaiás cos sons más internacionais

Agosto arranca ao son da banda arxentina Chancha Via Circuito e a súa mestura de folklore latinoamericano e a música electrónica máis vangardista

O venres será a quenda de Noiserv, un dos máis creativos e estimulantes proxectos musicais dos xurdidos en Portugal na última década

‘Atardecer no Gaiás’ remata este sábado coa proxección do documental ‘Heima’ da banda islandesa Sigur Rós, con sesión DJ previa a cargo de Bigote Mix

Santiago, 3 de agosto de 2016.- Agosto arranca na Cidade da Cultura cunha nova cita co ‘Atardecer no Gaiás’, na semana máis internacional do ciclo grazas aos sons latinoamericanos de Chancha Vía Circuito; Noiserv, o proxecto do portugués David Santos; e a proxección do documental realizado pola banda islandesa Sigur Rós.

O xoves dará comezo a quinta semana de ‘Atardecer no Gaiás’ co folklore levado ás pistas de baile grazas a Chancha Vía Circuito. Artista de culto para os círculos máis vangardistas da música electrónica, Pedro Canale explora baixo o seudónimo de Chancha Vía Circuito as súas influencias latinoamericanas.

Na súa música hai unha reformulación da ‘world music’ latinoamericana, cun punto de partida que foi a cumbia dixital pero logrando hoxe en día fusións inauditas onde se procesan ritmos orixinarios do Brasil, arpas paraguaias, mística andina, a soidade pampeana do folklore arxentino e a proxección espacial da música electrónica futurista.

O home orquestra

O venres será a quenda do coñecido como “home orquestra” ou “a banda dun só home”: David Santos baixo o seu proxecto Noiserv. Creado en 2005, é un dos máis creativos e estimulantes proxectos musicais dos xurdidos en Portugal na última década. A súa carreira está marcada pola creación de cancións capaces de chegar a cada individuo na súa intimidade, relembrándolle vivencias, momentos e memorias intrincadas entre a realidade e o soño.

Noiserv chega ao Gaiás co seu último traballo ‘Almost Visible Orchestra’, no que abandona o branco e negro e nos presenta un mundo cheo de cores. Un disco máis denso e complexo que os anteriores, mais sen perder a identidade pola que se deu a coñecer hai case xa doce anos.

Cinema ao aire libre

O sábado remata cunha nova proxección de cine ao aire libre: ‘Sigur Rós-Heima’, documental que recolle a xira realizada pola banda Sigur Rós durante o verán de 2006 por Islandia, país de orixe do grupo.

‘Heima’, en islandés, significa ‘En casa’, fogar. Gravado en innumerables puntos da xeografía islandesa (pobos pantasma, fábricas de conservas, parques nacionais, glaciares, pero tamén cidades e mega-concertos), ‘Heima’ une fermosas paisaxes ás reflexións do grupo. Un documental meticuloso e coidado que é tamén unha proba de amor cara ao son e as raíces. Previamente á película, a praza central acollerá unha sesión DJ temática a cargo de Bigote Mix.

Todas as sesións de ‘Atardecer no Gaiás’ teñen lugar ás 21:00 horas na praza central. A entrada é libre e de balde.

Comparte