Nova: Monumenta descobre esta fin de semana o patrimonio industrial dos vales do Ulla-Umia

04/08/2016

Monumenta descobre esta fin de semana o patrimonio industrial dos vales do Ulla-Umia

O ciclo pon en valor a tradición fabril da bisbarra con andainas e visitas guiadas a varios complexos industriais de Caldas de Reis, o sábado 6 de agosto

O domingo, Monumenta convida a camiñar pola Fonsagrada e as terras de Burón para coñecer a arquitectura da zona e as construcións típicas das corripas

Baixo o nome "Andar con arte", a cuarta edición do ciclo da Consellería de Cultura e Educación pon en valor o patrimonio cultural con rutas a pé ata o 27 de agosto
 

  • Monumenta Monumenta

Santiago, 4 de agosto de 2016.- O ciclo Monumenta prosegue esta fin de semana a súa ruta a pé por Galicia para a descuberta do patrimonio cultural. Faino cunha xornada que se desenvolverá en Caldas de Reis, o sábado 6 de agosto, para coñecer o patrimonio industrial dos vales do Ulla-Umia.

A fábrica Azucreira de Portas será o punto de partida dunha andaina que dará comezo ás 10:00 horas e que incluirá visitas a algúns complexos industriais do concello, para introducir os camiñantes na tradición artesá, comercial e industrial desde a Idade Moderna ata a época contemporánea nesta zona, onde se construíron unha das primeiras fábricas de papel continuo de España e a central eléctrica que foi orixe da máis importante eléctrica galega.

Guiados pola voz experta de Xoán Carmona Badía, catedrático de institucións económicas da Universidade de Santiago de Compostela e investigador do patrimonio industrial, a ruta a pé prolongarase durante seis quilómetros pola beira do río Umia ata a Central Eléctrica de Segade e incluirá unha visita á fábrica de papel La Concepción.

A andaina, que contará coas voces expertas do arquitecto Antonio de Vega, de Juanjo Molina, director do Museo Etnográfico da Fonsagrada, e Xoán-Xil López, artista e paisaxista sonoro, está dirixida a todos os públicos e para participar non se precisa inscrición.

 

O patrimonio arquitectónico das terras de Burón

Nesta fin de semana, a programación de Monumenta completarase cunha xornada na Fonsagrada e nas terras de Burón, o domingo 7 de agosto. Para ese día, o ciclo promovido pola Consellería de Cultura e Educación, a través da Secretaría Xeral de Cultura, viaxará ata a “raia” entre Galicia e Asturias para descubrir varios exemplos da arquitectura da zona, como a igrexa barroca de Santa María, a torre de Altamira ou o castelo de Burón, amais de coñecer a igrexa de Santa María de Allonca e as corripas, unhas pequenas construcións de pedra utilizadas para a conservación e o manexo da castaña, produto básico na economía e na alimentación da zona.

Neste caso, as prazas para participar na actividade están cubertas.

A programación de Monumenta
Igrexas, muíños, castros e vías romanas, que se relacionan co territorio e coa súa singularidade cultural e paisaxística, son algunhas das propostas da cuarta edición deste ciclo para esa descuberta do patrimonio cultural galego, que se prolongará ata o vindeiro 27 de agosto. A programación de Monumenta, que inclúe actividades de acceso libre e outras con inscrición previa, a través de https://galiciamonumenta.wordpress.com, pode consultarse na Axenda de Cultura de Galicia, a través da páxina web www.cultura.gal

 

Comparte