Nova: O Museo Casa da Troia abrirá as súas portas ata o 3 de setembro
05/08/2016
O Museo Casa da Troia abrirá as súas portas ata o 3 de setembro
O secretario xeral de Cultura visitou hoxe o centro, que ten previsto iniciar nese mes a rodaxe dun documental sobre a evolución da cidade compostelá desde os tempos da Casa da Troia ata a actualidade
Santiago, 5 de agosto de 2016.- O Museo Casa da Troia, en Santiago de Compostela, abrirá as súas portas durante o verán ata o próximo 3 de setembro, co apoio da Consellería de Cultura e Educación, en horario de martes a sábado de 11:00 a 14:00 horas e de 16:00 a 20:00 horas. Os venres, o horario amplíase ata as 22:00 horas.
O secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, visitou esta mañá o museo –na compaña do presidente e vicepresidente dos Antigos Tunos Composteláns, Benigno Amor e Juan Carlos Días, respectivamente, así como polo directivo Bieto Pérez Outeriño–, que iniciou a tempada de verán o pasado 4 de xuño cunha xornada de portas abertas.
Próximos proxectos
Ata o próximo 3 de setembro, o museo permanecerá aberto e, nese mes, ten previsto iniciar a rodaxe dun documental que tamén contará co apoio da Secretaría Xeral de Cultura e que fará un percorrido audiovisual pola evolución da capital de Galicia e da vida social da cidade compostelá desde os tempos da Casa da Troia ata a actualidade. Para iso botará man de diversas testemuñas, contrapoñendo imaxes históricas da cidade –extraidas da versión cinematográfica da novela filmada en 1924 por Alejandro Pérez Lugín– coas localizacións das entrevistas en espazos actuais.
Ampliación do patrimonio material e inmaterial
Durante a visita, a directiva dos Antigos Tunos Composteláns informou o secretario xeral das últimas incorporacións ao patrimonio material do museo, entre as que se inclúe a doazón dunha obra presentada ao concurso de carteis para as festas do Apóstolo convocado polo Concello de Santiago de Compostela nos anos 50. Tamén lle deron conta da ampliación do seu patrimonio inmaterial, a través do traballo do musicólogo Fernando Reyes de investigación e de divulgación de pezas musicais que formaban parte das tunas e doutras agrupacións musicais compostelás de finais do século XIX e comezos do XX, os tempos da novela ‘La Casa de la Troya’.
A Casa da Troia
A Casa da Troia é un museo que recrea a pensión de estudantes e a vida universitaria de Santiago a finais do século XIX que inmortalizou Alejandro Pérez Lugín na súa novela ‘La Casa de la Troya’. Nela aloxábase o personaxe principal, Gerardo Roquer, e os seus compañeiros de estudos.
A planta baixa do museo era a antiga zona de paso tanto das persoas como dos cabalos que baixaban ás cortes. No primeiro andar atópase o antigo salón-comedor, que noutrora foi lugar de ensaio da tuna compostelán, e mais unha pequena sala que se empregaba nas visitas dos familiares dos estudantes. No segundo andar están un dormitorio colectivo e outro individual, que ocupa na novela o seu protagonista.
A cociña está situada no ático e o soto está dedicado ás tunas universitarias. A casa está ambientada con mobles da época, a maioría adquiridos polo fundador do museo, Benigno Amor Rodríguez, e nela consérvanse fotografías, cadros e obxectos diversos que pertenceron a algunhas das persoas que inspiraron os personaxes que aparecen na novela de Pérez Lugín.