Nova: O patrimonio industrial e a xeoloxía da Ribeira Sacra, protagonistas da próxima andaina de Monumenta
10/08/2016
O patrimonio industrial e a xeoloxía da Ribeira Sacra, protagonistas da próxima andaina de Monumenta
A cuarta edición do ciclo viaxa o 15 de agosto ao concello de Parada de Sil no seu percorrido a pé polo patrimonio cultural de Galicia
Santiago, 10 de agosto de 2016.- Logo de desembarcar no castelo de San Felipe para descubrir o patrimonio marítimo de Ferrol, de poñer en valor a tradición fabril dos vales do Ulla-Umia e de se achegar á arquitectura das terras de Burón, a cuarta edición do ciclo Monumenta propón unha nova andaina para coñecer o patrimonio industrial e a xeoloxía da Ribeira Sacra.
Nunha xornada a pé que se realizará o próximo luns 15 de agosto, os participantes –previa inscrición ata o 14 de agosto– terán ocasión de percorrer o canón escarvado polo río Mao no granito, de observar as denominadas marmitas de xigante e de se achegar á xeografía da contorna, así como ao patrimonio construído, o natural e o sonoro da Ribeira Sacra.
Para iso, a ruta contará co xeólogo Eduardo González e co xeomorfólogo Juan López Bedoya, que serán os camiñantes convidados desta nova ruta a pé que propón Monumenta para a descuberta do patrimonio cultural, que tamén atravesará a necrópole medieval de San Vítor de Barxacova, do século IX.
A programación de Monumenta
Igrexas, castelos, muíños, castros, torres e vías romanas, que se relacionan co territorio e coa súa singularidade cultural e paisaxística, son algunhas das propostas da cuarta edición deste ciclo promovido pola Consellería de Cultura e Educación, a través da Secretaría Xeral de Cultura, para esa descuberta do patrimonio cultural galego, que se prolongará ata o vindeiro 27 de agosto.
A programación de Monumenta, que inclúe actividades de acceso libre e outras con inscrición previa –a través de https://galiciamonumenta.wordpress.com–, pode consultarse na Axenda de Cultura de Galicia, na web www.cultura.gal