Nova: A Cidade da Cultura ponlle música á fin de semana con tres novas citas de Atardecer no Gaiás

10/08/2016

A Cidade da Cultura ponlle música á fin de semana con tres novas citas de Atardecer no Gaiás

O ‘Atardecer no Gaiás’ desta semana arranca o xoves coa música electrónica e conceptual dos galegos Cuerpo Astral

A praza central encherase o venres do pop-rock cósmico de ‘Mucho’ mentres que o sábado será a quenda da Orquestra de Cámara Galega co seu segundo concerto titulado ‘A Constelación de Vivaldi’
 

  • Atardecer no Gaiás Atardecer no Gaiás
  • Mucho Promo Mucho Promo
  • Cuerpo Astral Cuerpo Astral

Santiago, 10 de agosto de 2016.- A Cidade da Cultura ponlle banda sonora a esta fin de semana prefestiva con tres novas citas de ‘Atardecer no Gaiás’, o ciclo de música e cine ao aire libre do verán. O ‘Atardecer no Gaiás’ arrancará o xoves cos galegos ‘Cuerpo Astral’, formado por Lúa Gándara (voz), Vanesa Castro (voz) e Iñaki López (música e voz). Cunha posta en escena que combina as artes do teatro e a perfomance, ‘Cuerpo Astral’ fusiona clásicos tradicionais coas últimas tendencias, desde o latino á copla ou o hip hop.

O venres será o momento de que a praza central da Cidade da Cultura se veña abaixo con Mucho e o seu pop-rock cósmico. A banda formada por ex Sunday Drivers e imprescindibles en calquera gran festival da Península chegan ao Gaiás co seu último traballo, ‘Pidiendo en las puertas del infierno’, para facernos bailar.

Para pechar a fin de semana, o sábado terá lugar o segundo e último concerto de todo un clásico do Atardecer no Gaiás: a Orquestra de Cámara Galega. Dirixida por Rogelio Groba, a OCGa interpretará un programa moi especial que levará por título ‘A Constelación de Vivaldi’. Como todas as actuacións da OCGa, o concerto terá lugar na Sala Eisenman.

Todas as sesións de ‘Atardecer no Gaiás’ teñen lugar ás 21:00 horas na praza central. A entrada é libre e de balde.

Comparte